CCOO Ensino rexeita poñer baixo sospeita o persoal educativo de baixa

As recentes declaracións do conselleiro de Educación sobre as baixas do profesorado introducen un enfoque que desde CCOO Ensino consideramos profundamente desacertado. Vincular os problemas de cobertura de persoal que se producen, sobre todo, no inicio de curso coas incapacidades temporais esixe, como mínimo, rigor nos datos e unha explicación detallada das causas de cada ausencia.

É a propia Consellería de Educación quen dispón desa información e, polo tanto, quen debe aclarar cantos dos postos que foi necesario cubrir nestas primeiras semanas corresponden realmente a incapacidades temporais e cantos responden a permisos, excedencias, reducións de xornada ou outras situacións administrativas.

Non corresponde facer extrapolacións nin presentar as dificultades de cobertura como consecuencia directa das baixas médicas sen ofrecer previamente ese desagregado.

A cobertura de vacantes require melloras

CCOO Ensino é consciente das dificultades que se producen para cubrir un volume moi elevado de substitucións en períodos concretos, especialmente nas primeiras semanas do curso. É un problema que debe abordarse, pero que non pode utilizarse para trasladar a responsabilidade ás persoas que se atopan en situación de incapacidade temporal.

O actual sistema de chamamentos telefónicos presenta limitacións evidentes cando é necesario xestionar de maneira simultánea un número elevado de vacantes. Precisamente por iso, no marco do Acordo sobre persoal interino e substituto, CCOO Ensino e o resto das organizacións asinantes acordamos coa Consellería a implantación dun novo sistema telemático de chamamentos mediante unha aplicación web.

A súa posta en funcionamento suporá unha modernización importante do proceso e permitirá axilizar a cobertura das substitucións. Pero unha ferramenta que debe xestionar miles de persoas e un elevado volume de adxudicacións nos períodos de maior demanda ten que ofrecer todas as garantías.

Por este motivo, antes da súa implantación definitiva considerouse necesario realizar probas máis exhaustivas do sistema, con suficiente carga de vacantes e volume de adxudicacións, para comprobar o seu funcionamento en condicións similares ás que terá que afrontar nos momentos máis complexos do curso.

CCOO Ensino comparte este criterio de prudencia. Implantar precipitadamente unha aplicación insuficientemente probada podería provocar problemas técnicos cun impacto moito maior sobre os centros, o profesorado e o alumnado.

A previsión é que o novo sistema estea operativo a comezos de 2027, unha vez completadas estas probas. Entre tanto, corresponde á Administración optimizar ao máximo os mecanismos actuais e adoptar as medidas organizativas necesarias para reducir os tempos de cobertura.

Estar de baixa non é unha decisión voluntaria

Cómpre lembrar algo elemental: unha incapacidade temporal está sustentada nunha decisión facultativa e sometida aos mecanismos de seguimento e control establecidos legalmente.

Non existe un procedemento polo que unha persoa traballadora poida decidir unilateralmente “coller unha baixa” do mesmo xeito que pode solicitar un permiso ou unha excedencia.

Resulta especialmente preocupante trasladar ao debate público unha sospeita xenérica sobre persoas ás que un profesional sanitario determinou que temporalmente non están en condicións de traballar.

Ademais, nun centro educativo acudir ao posto de traballo enfermo non só pode prexudicar a recuperación da propia persoa traballadora. En determinadas patoloxías infectocontaxiosas pode supoñer tamén un risco para o alumnado, para o resto do persoal e para as familias.

Se aumentan as baixas, estudemos tamén as causas

Se a Administración considera elevado o número de procesos de incapacidade temporal, debería preguntarse tamén por que se producen e por que algúns se prolongan no tempo.

No ámbito educativo iso obriga a analizar cuestións como a carga de traballo, as ratios, as condicións laborais, a atención á diversidade ou determinadas situacións de sobrecarga profesional.

Precisamente por iso CCOO Ensino leva anos conseguindo melloras estruturais nas condicións de traballo do persoal educativo e negociando medidas para reducir ratios e mellorar os recursos dos centros.

Tamén resulta necesario mirar cara ao sistema sanitario. Os tempos de espera para acceder a determinadas consultas, probas diagnósticas, tratamentos ou especialistas poden prolongar procesos de incapacidade temporal que poderían resolverse antes cunha atención máis rápida.

Reducir as baixas non pode consistir en presionar á persoa enferma para que regrese antes ao seu posto. Debe significar mellorar a prevención, as condicións laborais, a atención sanitaria e os procesos de recuperación.

CCOO non avalou o acordo da Xunta, a CEG e UGT

Esta posición explica tamén que CCOO non avalase o denominado Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, acordado pola Xunta coa Confederación de Empresarios de Galicia e UGT.

O acordo foi anunciado o pasado 7 de agosto. Desde CCOO consideramos imprescindible que se coñezan con claridade as medidas concretas que se van desenvolver, as garantías que incorporarán e os recursos que se destinarán á súa aplicación.

CCOO non avalou ese acordo por dous motivos fundamentais.

En primeiro lugar, porque consideramos insuficientes as garantías para asegurar que as actuacións que se desenvolvan non poidan derivar en mecanismos de presión ou control sobre persoas que se atopan lexitimamente nun proceso de incapacidade temporal.

En segundo lugar, porque rexeitamos un punto de partida que sitúe a sospeita sobre as persoas traballadoras. A prevención do absentismo non pode construírse sobre a presunción de que quen está enfermo está facendo un uso indebido do sistema.

Para CCOO, calquera actuación neste ámbito debe partir dunha premisa diferente: protexer a saúde das persoas traballadoras, reforzar a prevención e actuar sobre as causas que provocan ou prolongan as incapacidades temporais.

Nin hostigamento nin recortes de dereitos

CCOO Ensino non aceptará ningún intento de converter ás persoas en situación de incapacidade temporal en sospeitosas nin calquera actuación que poida derivar nunha redución dos seus dereitos económicos.

Convén lembrar de onde vimos.

O Acordo de concertación do emprego público de Galicia, aprobado co apoio de CCOO e UGT e publicado no DOG en xaneiro de 2019, incorporou as medidas que permitiron garantir o 100 % das retribucións durante as situacións de incapacidade temporal.

Foi a recuperación dun dereito perdido durante os anos de recortes e CCOO defenderao con absoluta firmeza.

Os problemas de cobertura do profesorado deben resolverse mellorando os procedementos de chamamento, a planificación e os recursos, e implantando con todas as garantías o novo sistema telemático xa acordado.

A solución ás incapacidades temporais pasa pola prevención, por mellores condicións de traballo, por unha sanidade pública capaz de diagnosticar e tratar con rapidez e polo respecto ao criterio dos profesionais sanitarios.

O que non pode ser a solución é situar baixo sospeita ás persoas que enferman.