Cine e emocións: recursos didácticos para FP Básica 2026/27

O curso “Cine e emocións: recursos didácticos para FP Básica” propón utilizar o cinema como ferramenta educativa para traballar as emocións co alumnado de Formación Profesional Básica.

A formación permitirá coñecer e analizar curtametraxes e escenas desde unha perspectiva emocional, desenvolver estratexias para favorecer o diálogo, a reflexión e a empatía na aula e deseñar propostas didácticas adaptadas ao nivel madurativo do alumnado.

A actividade está homologada pola Consellería.

Información básica do curso

  • Modalidade: teleformación a través de Moodle
  • Duración: 30 horas
  • Datas: do 7 ao 31 de xaneiro de 2027
  • Prazas: 50
  • Persoa titora: Claudio Pan
  • Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 60 € para persoas non afiliadas

Como funciona o curso?

O curso é asíncrono, cun funcionamento similar ao dos cursos que organiza a Consellería a través de FPROFE, pero na plataforma de teleformación de CCOO Ensino. Isto significa que non tes que conectarte en días ou horas concretas para seguir o curso: terás dispoñibles os materiais e as actividades correspondentes, que poderás realizar organizando o tempo segundo a túa dispoñibilidade.

De cara ao recoñecemento do curso por parte da Consellería, lembra que non se pode realizar simultaneamente máis dun curso en rede, tal e como se establece no artigo 17.1.g da Orde do 14 de maio de 2013, que regula o recoñecemento e certificación das actividades de formación permanente do profesorado.

Inscrición

Para solicitar praza, enche o seguinte formulario:

👉 Formulario de inscrición

Cubrir o formulario serve para solicitar unha praza no curso. Como as prazas son limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.

A principios de decembro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.

As comunicacións enviaranse desde formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendámosche que engadas este enderezo aos teus contactos ou que crees un filtro no teu correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam.

Guía do curso

👉 Consultar a guía do curso

Obxectivos

  • Comprender o valor do cinema como ferramenta emocional e educativa no contexto da Formación Profesional Básica.
  • Adquirir estratexias para traballar a intelixencia emocional a través da análise e creación de curtametraxes.
  • Deseñar actividades didácticas baseadas no cine que promovan a reflexión, a empatía e a expresión emocional no alumnado.

Contidos

  • O poder do cine para conectar coas emocións.
  • Selección de curtametraxes significativas para a FP Básica.
  • Análise de escenas e personaxes desde a perspectiva emocional.
  • Técnicas para fomentar o diálogo emocional na aula.
  • Actividades de reflexión e expresión a partir das curtas.
  • Adaptación das propostas ao nivel madurativo do alumnado de FP.
  • Guións sinxelos con carga emocional.

Estrutura do curso

O curso estrutúrase en sete módulos, máis un módulo introdutorio:

Módulo 0. As emocións entran en escena — 2 horas
Primeira aproximación á educación emocional a través da linguaxe audiovisual, empregando o videoclip para analizar a relación entre música, imaxe, emocións e estados de ánimo.

Módulo 1. Historias que transforman — 4 horas
Análise do potencial das historias cinematográficas como motor de transformación persoal e social, reflexionando sobre a evolución dos personaxes e valores como a amizade, a honestidade, o esforzo ou a xustiza.

Módulo 2. Historia de vida. Historias de aprendizaxe — 4 horas
Traballo con películas contemporáneas sobre superación, descubrimento persoal e aprendizaxe, relacionando as experiencias dos personaxes coa realidade próxima do alumnado de FP Básica.

Módulo 3. O cine como espello emocional — 4 horas
Uso do documental para explorar emocións vinculadas a situacións reais, desenvolver a empatía e comprender diferentes contextos sociais, culturais e persoais.

Módulo 4. O cine como xerador de reflexión emocional — 4 horas
Análise de series audiovisuais para traballar conflitos, relacións, toma de decisións e consecuencias das accións persoais, potenciando o pensamento crítico ante os medios audiovisuais.

Módulo 5. Cinema galego — 4 horas
Achegamento ao cinema galego como expresión cultural e artística, analizando emocións, identidade, memoria e transformación social e valorando o papel da lingua e da cultura.

Módulo 6. Dar forma ás historias — 3 horas
Introdución aos fundamentos da creación e edición de vídeo coa aplicación VN: selección de imaxes, montaxe, incorporación de son e organización narrativa dos contidos.

Módulo 7. Da emoción ao proxecto: deseño dunha experiencia cinematográfica didáctica — 5 horas
Elaboración dunha unidade didáctica completa que empregue o cinema como ferramenta para o desenvolvemento emocional e competencial do alumnado de FP Básica, integrando actividades, recursos, metodoloxías e instrumentos de avaliación.