Cómpre sinalar que aquela declaración fora promovida, igual que agora, polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, logrando o apoio unánime de todos os grupos parlamentarios, tamén do BNG, liderado naquel ano 1997 por Xosé Manuel Beiras. Co apoio desa declaración, a efeméride do 10 de Marzo lograría rango oficial no ano 2006.
O BNG non pode exercer o dereito a veto contra o recoñecemento de Amador e Daniel, as dúas persoas asasinadas o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, traballadoras da Bazán. Este veto supón negar a lembranza de centos de homes e mulleres represaliadas durante ese ano en Ferrol e Vigo, que maioritariamente formaban parte da clase obreira galega, e impedir que sexan homenaxeados como merecen na institución onde está representado todo o pobo galego.
A única explicación que atopamos é que o BNG de hoxe e o sindicalismo nacionalista non consideran que estas vítimas formen parte da súa memoria histórica. Un movemento político-sindical que retorce a historia conforme aos seus intereses non é quen de decidir cando adquire relevancia a loita pola liberdade, pola democracia ou polos dereitos laborais.
A importancia dos acontecementos do 1972 en Galicia non a discute ninguén, como proban os consensos unánimes de 1997 e 2006, nun caso ás portas da terceira maioría absoluta de Manuel Fraga, no outro durante o bipartito de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana.
Lamentamos que sexa unha organización que se afirma de esquerdas a que rexeite pór en valor a memoria histórica da clase obreira galega, que tivo o seu punto de maior intensidade en Ferrol e Vigo ao redor das Comisións Obreiras que se viñan organizando nas importantes fábricas instaladas nestas dúas cidades. Vetar a declaración do Parlamento de Galicia porque non forman parte da súa historia é tan inapropiado como non celebrar o Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, porque lembre os mártires de Chicago.
Nun momento como o actual, coa situación de crise industrial que sofre Galicia, o recoñecemento por todas as forzas públicas no Parlamento da loita dos traballadores e traballadoras galegas en busca de mellorar as súas condicións laborais non debería xerar ningunha negativa. CCOO traballou con lealdade e discreción, procurando o consenso previo cos grupos parlamentarios e co propio presidente da Cámara antes de facelo público, de xeito que todo o protagonismo fose para a institución.
Porén, o BNG de 2022 amosou desde o comezo a súa oposición, pois nin sequera respondeu á petición de reunión solicitada pola nosa secretaria xeral, Amelia Pérez. Foi un indicador revelador de que o asunto non suscitaba grande interese para esta formación política. Con todo, tiñamos a esperanza de que, unha vez logrado o apoio dos grupos do PPdeG e do PSdeG-PSOE, o BNG reconsiderase a súa postura, pois as declaracións precisan da unidade parlamentaria para prosperaren. Non foi así e o veto consumouse, sen que o grupo nacionalista dese ata hoxe ningún tipo de explicación ou formulase proposta alternativa.
Xa que non recibimos explicación polas canles formais, apelamos a que o BNG llas faga chegar á opinión pública tras esta denuncia. Así mesmo, dirixímonos á súa portavoz nacional, Ana Pontón, para que rectifique a postura e apoie o recoñecemento institucional que merece o 50.º aniversario dos acontecementos de 1972, reeditando o consenso unánime que se viviu no Parlamento de Galicia en 1997 e 2006.
Chegados ao 50 aniversario do 10 de Marzo, sería doado caermos na tentación de, simplemente, lembrar que tal día coma hoxe os traballadores de Bazán se mobilizaron no ano 1972 para conseguir un convenio xusto. Porén, a memoria débenos servir para algo máis que evitar o esquecemento dos que deron a súa vida polos seus compañeiros e compañeiras, neste caso, ademais, asasinados polo aparato represor da ditadura. Nesta data debemos lembrar que hoxe, coma onte, os traballadores e as traballadoras só temos unha maneira de defendermos os nosos dereitos: coa unión da clase obreira. Esta unión é o que hoxe volvemos reivindicar.
Continuamos saíndo á rúa para defender a dignidade e dereitos da clase obreira, ou contra as condenas de cárcere de compañeiros e compañeiras por defenderen os seus dereitos. Agora, en Pontevedra, un traballador de ENCE enfróntase a un ano de cárcere pola denuncia do alcalde da cidade por participar nunha protesta en defensa dos postos de traballo. Non é a primeira vez que isto acontece en Galicia nin, polo que parece, será a última, máis aínda coa deriva represiva que marcou a chamada lei mordaza, que aínda está pendente de reformar.
Intentarán silenciarnos, pero non poderán connosco. No último ano, foron numerosas as ocasións en que a cidadanía, por milleiros, tomou as rúas para denunciar unha inxustiza ou defender unha causa xusta, a sanidade pública, a industria, o non á guerra ou o 8M, o 1 maio, entre outras moitas. Así seguiremos loitando coa máxima unidade posible para lograr frear os recortes económicos e de dereitos que nada teñen que ver coa saída da crise, a pandemia ou a guerra de Ucraína, na que se ataca sistematicamente a poboación civil.
Neste 50 aniversario, máis ca nunca,
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!

