CCOO abandona a mesa de negociación da RPT de Educación ante a falta de compromiso da Consellería para negociar un acordo de condicións de traballo para o persoal funcionario e laboral non docente.
Durante anos, CCOO ven reclamando a actualización e regulación das condicións laborais deste colectivo; unha demanda amplamente compartida e que incluso foi obxecto de compromisos públicos por parte da propia Administración en anteriores etapas. Porén, a día de hoxe segue sen existir unha vontade efectiva de iniciar esa negociación.
CCOO quere trasladar a todo o persoal non docente que na mesa de negociación celebrada no día de hoxe para abordar a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Educación, as OOSS formulamos unha petición expresa para que a Administración manifestase un compromiso claro e nítido respecto da apertura da negociación dun Acordo Regulador das condicións de traballo para o persoal funcionario e laboral non docente.
Nesa xuntanza, a Consellería non deu resposta á solicitude formulada nin ofreceu unha data, un calendario ou un compromiso temporal para constituír unha mesa específica de negociación. Esta ausencia de resposta evidencia, unha vez máis, a falta de compromiso coa negociación colectiva e coa mellora das condicións do persoal non docente.
Ante esta situación, CCOO e as demais OOSS, nesta ocasión incluída CIG, decidimos abandonar a
reunión de negociación da modificación da RPT como primeiro acto de protesta fronte á negativa da Administración a abordar unha reivindicación histórica e plenamente xustificada.
Porén, esta decisión non supón unha renuncia ao diálogo. Pola contra, é unha chamada de atención á Consellería para que asuma a súa responsabilidade e abra dunha vez por todas unha negociación real que permita avanzar na mellora das condicións de traballo do persoal non docente. Por iso, instamos á Consellería a abandonar a súa posición de bloqueo e a convocar, sen máis demora, unha mesa de negociación específica para a elaboración dun Acordo Regulador que dea resposta ás necesidades e demandas deste colectivo.
Consideramos inaceptable que a Consellería pretenda continuar modificando postos de traballo de maneira puntual a través das RPT sen abordar previamente os problemas estruturais que afectan ao conxunto do persoal. Non é posible falar de organización dos recursos humanos sen negociar ao mesmo tempo as condicións laborais de quen presta os servizos públicos.
CCOO continuará defendendo os intereses do persoal e reclamando a apertura inmediata dunha
mesa de negociación que dea resposta ás demandas pendentes desde hai anos.

