11 de febreiro
O 11 de febreiro lémbranos a importancia de garantir a plena participación das nenas e as mulleres na ciencia, non só como unha cuestión de xustiza social, senón como unha necesidade para o progreso colectivo. A ciencia e a tecnoloxía configuran o presente e o futuro das nosas sociedades, e deixar fóra do coñecemento e da innovación a metade da poboación supón limitar o desenvolvemento social, económico e humano.
Malia os avances, as nenas seguen batendo con barreiras e estereotipos que condicionan as súas vocacións científicas e tecnolóxicas. A falta de referentes femininos visibles, os nesgos de xénero e a persistencia de mensaxes que asocian determinadas capacidades cos homes continúan influíndo nas súas decisións académicas e profesionais. Por iso é fundamental visibilizar o traballo das mulleres científicas e fomentar ámbitos educativos que impulsen a curiosidade, a confianza e a participación das nenas nas áreas STEM.
Neste contexto, as redes sociais presentan un dobre desafío. Por unha banda, poden ser ferramentas de divulgación e acceso ao coñecemento; por outro, tamén reproducen estereotipos, presións estéticas e discursos que afectan especialmente ás nenas e adolescentes, condicionando a súa autoestima e afastándoas de espazos onde se valoran o pensamento crítico e o esforzo intelectual. A exposición a contidos sexistas, a desinformación ou o acoso dixital constitúen riscos que deben abordarse desde a educación e a corresponsabilidade social.
Promover unha presenza activa e recoñecida das mulleres na ciencia contribúe a xerar referentes positivos, combater prexuízos e construír modelos máis diversos e inclusivos. Apostar pola educación científica con perspectiva de xénero significa ofrecerlles ás nenas a liberdade de imaxinárense científicas, investigadoras ou tecnólogas e garantir que o talento non quede limitado polo xénero. Porque unha ciencia máis igualitaria é tamén unha ciencia mellor e unha sociedade máis xusta.
CCOO reivindica o papel fundamental das mulleres na ciencia e a educación como motor de igualdade e progreso social. Cómpre impulsar vocacións científicas nas nenas, eliminar estereotipos de xénero e garantir recursos educativos que promovan unha participación plena, diversa e igualitaria en todos os ámbitos do coñecemento e a investigación.

