Segue sen concretarse nin o que, nin o como, nin o cando respecto o incremento do gasto público nas universidades públicas

CCOO reclamamos un calendario crible de traballo e definir os conceptos básicos do financiamento que garanta a estabilidade e o futuro do modelo público de universidade.

Tal e como vos adiantamos, o 24 de outubro reuniuse por terceira vez a Comisión de Traballo para establecer o incremento do gasto público co fin de alcanzar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento público das universidades públicas, como establece a LOSU. Esta Comisión créase co obxecto de debater e consensuar:

  1. Un conxunto de propostas básicas sobre os posibles modelos de financiamento público das universidades públicas, os seus principios e principais mecanismos e instrumentos.
  2. Definir as sendas de incremento e os tempos para lograr o obxectivo de financiamento estipulado na LOSU: destinar, como mínimo, o 1 % do PIB ao gasto público na educación universitaria pública. E todo isto co obxectivo final de alcanzar a equiparación progresiva co investimento medio da UE.

Porén, a realidade é que ano e medio despois da súa creación, non só non se puxo encol da mesa unha proposta para o debate, senón que nin sequera se aclararon as cuestións previas que deben definir esa proposta.

Na reunión, o ministerio presentou o estudo que realizou, «Radiografía do financiamento das universidades públicas en España» para o período 2009-2024. O documento non se entregou e estamos á espera de poder acceder a el. Proponse a realización dunha próxima reunión para valorar o contido do estudo, aínda que non se fixou data para esa reunión nin ningún calendario de reunións posteriores.

Este documento vén a poñer negro sobre branco o que todos xa sabemos: o infrafinanciamento das universidades públicas españolas non é froito do momento, senón que responde a unha acción de goberno, principalmente dos autonómicos, que leva aplicándose desde o ano 2009 e que cuestiona a súa viabilidade presente e futura. Entre os datos do estudo podemos destac

ConceptoEuropaEspaña
Gasto total198 000 millóns de euros160 millóns de euros
Universidade privada16 500 millóns de euros. En Europa imponse un modelo de universidade privada sostido maioritariamente con fondos públicos.2878 millóns de euros, o segundo dato máis alto despois de Alemaña. En 2025 este dato roldará os 3500 millóns de euros.
Universidade pública157 806 millóns de euros (o 79,7 %). O 82 % dos recursos das universidades públicas europeas proceden de fondos públicos.O financiamento en España vén ser un 20 % inferior á media europea.
Porcentaxe do financiamento público sobre o PIBDinamarca: 1,44 %. Alemaña: 1,05 %. Francia: 0.91 %.0,74 %. Só Irlanda, Grecia, Chipre, Letonia, Italia, Luxemburgo, Portugal e Romanía están por debaixo.
Gasto público medio por estudante10 265 euros.7830 euros, o 76,28 % da media europea.

E en relación co sistema universitario español, para o período 2009-2024, pódense destacar os seguintes datos:

  • Os orzamentos xerais das CC. AA. incrementáronse un 56,2 %, mentres que as transferencias correntes ás universidades fixérono nun 21,78 % de media.
  • O incremento medio das transferencias correntes nos orzamentos xerais das CC. AA. é dun 3 %. Isto supón un 0,49% sobre o PIB nacional.
  • As transferencias correntes das CC. AA. ás universidades públicas neste período incrementáronse nun 21,78 %, mentres que o IPC acumulado para ese período é do 29,18 %, o que supón unha perda media por este concepto, sen contar a insuficiencia das propias transferencias, dun 7,40 %.

Na reunión, desde CCOO sinalamos que:

  1. A referencia ao 1 % do PIB debe servirnos para garantir un nivel mínimo de financiamento, pero que non pode pechar o obxectivo da mesa. Lembramos que o obxectivo final é chegar á media dos países máis avanzados da UE. En todo caso, debe aclararse se o PIB de referencia é o nacional ou o autonómico. CCOO defende que a referencia sexa ao PIB autonómico de cada C. A., garantíndose un mecanismo de financiamento mínimo que pode tomar como referencia o importe do 1 % do PIB nacional.
    En todo caso, entende que deben terse en conta outros parámetros como pode ser o gasto por alumno (que ha situarse na media da UE), a realidade territorial de cada universidade, etc.
  2. Para CCOO resulta fundamental que esta comisión defina claramente:
    • O contido e alcance do que se entende por «financiamento suficiente e previsible no tempo».
    • Os compoñentes dos diferentes tipos de financiamento, con especial incidencia na basal.
    • O calendario de traballo e de consecución destes obxectivos. Ao ritmo actual, é máis que probable que en 2030 non se estea en condicións de aplicar o famoso 1 % do PIB por non estar concretados nin os criterios nin o procedemento.
    • A necesidade dun plan de financiamento conxunto entre o MICIU e as CC. AA. que garanta a aplicación destes compromisos.

Como elementos positivos da reunión, unha parte importante da comisión coincidimos na necesidade de priorizar distintos aspectos:

  1. Fixar un calendario crible e efectivo de traballo desta comisión.
  2. Axilizar o traballo para cumprir cos prazos temporais da LOSU.
  3. Definir o marco de referencia do 1 % do PIB: estatal ou autonómico.
  4. Considerar criterios adicionais (financiamento por alumnos, etc.) que garantan que o posible acordo supoña unha mellora real do financiamento.
  5. Definir o concepto de suficiencia financeira.

E constátanse diverxencias claras, especialmente por parte das CC. AA. en relación con quen debe financiar o incremento do financiamento, se o estado ou as propias comunidades.

Desgraciadamente a reunión finalizou sen establecer non xa o dito calendario de traballo, senón sen sequera fixar unha nova data de reunión.

CCOO reclamamos a todas as partes asumir a necesidade e urxencia dun acordo que garanta a suficiencia financeira e a viabilidade e o crecemento das universidades públicas: non podemos agardar máis para afrontar, dunha vez por todas, as serias carencias no financiamento das universidades públicas que poñen en perigo o seu papel de servizo público e de nivelador social.