A Federación estatal de ensino de CCOO elixe por primeira vez unha secretaria xeral

250 delegados e delegadas, representando a máis de 80 000 persoas afiliadas, marcan o rumbo dos próximos catro anos no 14.º Congreso.

O venres 9 de maio, a Federación Estatal de Ensino de CCOO concluíu o seu 14.° Congreso elixindo como secretaria xeral a Teresa Esperabé Prieto e marcando os eixes fundamentais que guiarán a súa acción sindical os vindeiros catro anos.

Teresa Esperabé Prieto, nova secretaria xeral da Federación Estatal de Ensino de CCOO.

Este Congreso supón a despedida, despois de doce anos como secretario xeral, de Francisco J. García, que presentou un informe de balance aprobado cun 82 % de votos favorables.

Teresa Esperabé Prieto, a primeira muller en ocupar a Secretaría Xeral nos 47 anos de historia da Federación, é unha mestra de Torre Baró (un barrio popular de Barcelona que, recentemente, se fixo famoso pola película El 47) de 56 anos e que desenvolveu unha longa traxectoria na educación pública. Forma parte de CCOO desde hai máis de trinta anos e asumiu no sindicato diferentes responsabilidades, entre elas a dirección da Federación catalá desde 2021 ata hai poucas semanas.

O 14.º Congreso, que reuniu 250 delegados e delegadas de todos os territorios do Estado e de todas as profesións educativas, en representación de máis de 80 000 persoas afiliadas, marcou os grandes eixes da súa actividade para os vindeiros catro anos. En palabras de Teresa Esperabé no seu discurso final: «a educación e a formación ao longo de toda a vida han ser unha prioridade para garantir unha igualdade de oportunidades real e a cohesión social. Durante este mandato habemos apostar pola rede pública como vertebradora dun sistema educativo con calidade e loitar contra a privatización. Estes son elementos determinantes para gañarlle o pulso á ultradereita e á dereita que se deixa arrastrar por ela».

Loitar pola mellora das condicións laborais de todas as traballadoras da educación, especialmente daquelas con máis precariedade laboral, será unha prioridade durante estes anos. Teresa Esperabé recalcou, finalmente, a necesidade de «gañar organización, para gañar dereitos e avanzar en democracia»: como primeiro sindicato do ámbito educativo, CCOO márcase como obxectivo reforzar o traballo de proximidade das súas delegadas e delegados para ser a primeira forza sindical na educación pública non universitaria, como xa o é nos sectores do 0-3, a discapacidade ou as universidades».