Toda a información da Mesa sectorial de persoal funcionario do 8 de maio de 2025

Na Mesa do 8 de maio, o único punto a tratar é:

Proposta de Resolución pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico

Respecto da proposta enviada a esta mesa, desde CCOO, fixemos as seguintes alegacións:

  • Non estamos de acordo con que o sistema de acceso sexa o de oposición e solicitamos que sexa o concurso- oposición. Por unha razón legal; é un sistema permitido na normativa básica e na de Galicia para o persoal funcionario e por unha razón de xustiza; non se pode deixar na estacada a persoas que levan prestando servizos durante moitos anos en réxime de interinidade. O colectivo de patróns e mecánicos do servizo de gardacostas non poden ser os paganos dos “excesos” da estabilización e da execución da Lei 20/2021.
  • Hai un problema coa titulación esixida para o ingreso. Segundo a Disposición Adicional Novena da Lei de Emprego Público de Galicia, no seu apartado catro referido ao corpo de axudantes de carácter facultativo, e para a escala operativa do servizo de gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico, establécense as seguintes titulacións: bacharel ou técnico e titulo profesional de patrón de altura ou equivalente (para patróns) e bacharel ou técnico e titulo profesional de mecánico naval maior ou equivalente (para mecánicos).

Por outra banda, o artigo 42 da LEPG establece:

Grupo B. Para el acceso a este grupo es necesario estar en posesión del título de técnico superior. Pertenece a este grupo el cuerpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial.

Grupo C. Subgrupo C1. Para el acceso a este subgrupo es necesario estar en posesión del título de bachiller o técnico. Pertenecen a este subgrupo el cuerpo administrativo de Administración general y el cuerpo de ayudantes de carácter facultativo de Administración especial.

En consecuencia, a alegación consecuente e lóxica debería ser que as estas bases se adapten ao establecido na LEPG e non esixir como requisito a titulación a de técnico superior, titulación que está reservada para as escalas e especialidades do Grupo B do corpo de técnicos de carácter facultativo (delineantes, axentes medioambientais, xefes de brigada do SPIF, educador infantil, animador sociocultural, intérpretes en lingua de signos e técnicos especialistas en patoloxía forense do IMELGA).

Porén, o Real Decreto 269/2022, do 12 de abril, polo que se regulan os títulos profesionais e de competencia da Mariña Mercante, no seu artigo 15.2 determina os requisitos para a obtención da tarxeta profesional (á súa vez requisito indispensable para o exercicio da profesión) de patrón de altura da mariña mercante e no artigo 22.2 os requisitos para mecánico naval maior, entre os que se atopa o de:

Estar en posesión do título académico de Técnico Superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura ou doutro título de técnico superior que o substitúa, recoñecido neste ámbito.

Estar en posesión do título académico de Técnico Superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións ou doutro título de técnico superior que o substitúa, recoñecido neste ámbito.”

Xa que logo, o problema xorde da incorrecta incardinación no corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia subgrupo C1, da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico, xa que a súa correcta clasificación sería no Corpo de Técnicos de carácter facultativo do Grupo B dada a titulación académica esixida.

Por todo o anterior, se a Administración persiste en esixir a titulación de técnico superior para as especialidades de patróns e mecánicos, desde CCOO esiximos que ambas as dúas se clasifiquen no corpo de técnicos de carácter facultativo do grupo B, que a convocatoria se faga neste grupo de clasificación e que se modifique a Lei de Emprego Público de Galicia a través da Lei de Medidas Fiscais e Administracións dos Orzamentos do vindeiro ano nos termos aquí solicitados. En sentido contrario, se persisten en convocar estas especialidades no Subgrupo C1, a convocatoria debe adaptarse ás estipulacións contidas na Lei de Emprego Público de Galicia no que a requisitos de titulación se refire para o acceso a esta escala.

Tampouco estamos de acordo coa eliminación da posibilidade de baixar a nota de corte ao 40% do total de respostas acertadas en cada unha das partes dos exercicios se non se chegase ao número máximo de aspirantes que superen o exercicio que xorde do resultado de multiplicar por 4 o número de prazas ofertadas (por certo tal como se fixo ata o de agora en todos os procesos de estabilización).

Información facilitada pola DXEPAP a preguntas dos sindicatos

A única información relevante foi que o exame para a promoción específica (funcionarización) do persoal laboral fixo do Consorcio terá lugar o día 5 de xullo de 2025 en Santiago de Compostela.

O concurso de arqueólogos e facultativos de arquivos, bibliotecas e museos publicarase despois do 12 maio que será cando se leven as bases ao Consello da Xunta.