Na reunión mantida durante o día de onte, CCOO volveu manifestar unha vez máis que a volta aos centros ten que vir determinada por criterios de saúde pública e educativos, e non económicos ou de conciliación familiar.
Fixemos saber ao resto de organizacións a nosa vontade de acordar unha declaración en defensa do sector que recollese o noso firme compromiso coa estabilidade laboral e o mantemento dos postos de traballo, e que necesariamente pasa por:
- Retomar a actividade no mes de setembro. Resulta evidente que nestes momentos non se dan as condicións necesarias para atender a unha tipoloxía de alumnado que interactúa continuamente con quen lles rodea e cuxa relación co persoal que lles educa baséase nunha relación emocional e afectiva intensa. O risco de contaxio é real e elevado. É preferible planificar ben o retorno en setembro que forzar a volta anticipada.
- Traballar para que o Goberno prorrogue, nas condicións actuais, os ERTES por causa de forza maior nas entidades do sector, evitando así a destrución de emprego.
- Esixir medidas de conciliación para as familias desde as políticas sociais e non desde os centros educativos. Educamos, non gardamos.
- Poñer en valor a función educativa do 0-3.
As organizacións patronais manifestaron que tiñan que valorar a proposta exposta e emprazáronnos a unha reunión para o luns 25 na que nos trasladarán a súa resposta.
Así mesmo, desde CCOO non entenderiamos que houbese Consellerías que regulasen de maneira diferente o retorno á actividade en función da titularidade do centro. As medidas que se adopten deben de ser as mesmas, tanto para centros públicos como para centros privados. O contrario supoñería por parte da Administración avalar a existencia de traballadoras de primeira e de segunda, nese caso atoparía a oposición frontal do sindicato.

