Reclamamos que a oferta formativa de Formación Profesional para o curso 2023/24 sexa presentada no Consello Galego de FP antes da súa aprobación.
O pasado luns, 12 de xuño, a Consellería de Educación remitía aos centros educativos nos que se imparten ciclos formativos a oferta educativa para o curso 2023/2024. Facíao a cada centro por separado, sen tela presentada para informe no Consello Galego da Formación Profesional, «un órgano consultivo e de asesoramento, composto por representantes da Xunta de Galicia, organizacións empresariais e organización sindicais», e a só doce días do inicio do prazo ordinario de admisión para estes estudos.
Por enriba do exercicio de mala planificación, tardanza e escurantismo, o máis relevante desta oferta formativa é a notable redución de ciclos en modalidades presenciais, ben sexa en réxime ordinario ou modular (que permite estudar materias soltas en cada curso), en favor da súa transformación á modalidade semipresencial de formación a distancia ou en liña.
Na Mesa Sectorial celebrada ao día seguinte, o martes 13 de xuño, CCOO Ensino esixiu a comparecencia da directora xeral de FP nese órgano para render contas polas consecuencias que esta oferta formativa suporá tanto para o profesorado como para o alumnado galego. Do mesmo xeito, reclamou a presentación e negociación da oferta educativa de FP no seu conxunto, así como que esta se levase con urxencia ao Consello Galego de FP. Tamén denunciou a excesiva carga de traballo burocrático dos docentes en xeral e do profesorado dos centros integrados de FP en particular, desbordados por un sistema de calidade ineficiente e inútil en moitos casos.
Logo de esperar dous días pola publicación da oferta educativa, sen actuación ningunha por parte da Consellería, CCOO Ensino demandou e conseguiu a convocatoria do Consello Galego de FP, o próximo luns 19 de xuño, para debater sobre a oferta educativa de Formación Profesional, así como sobre a transformación en centros integrados de FP de tres institutos de ensino secundario das provincias de Ourense e Pontevedra.
É inadmisible que persoas que iniciaron a súa formación de xeito presencial teñan que rematala a través dunha aula virtual. A Consellería di que se manterá a opción elixida polo alumnado ao comezar os seus estudos, pero de ser real esta intención, ata cando teñen pensado manter esa opción?
As repercusións e intencións da Consellería con esta planificación son claras:
- As posibilidades de formarse redúcense notablemente para aquelas persoas que estean traballando ou non poidan asistir ás clases en horario de mañá; tamén para quen non conte con coñecementos informáticos, equipamentos axeitados ou conexións aceptables. Isto, sen dúbida, penaliza a Galicia rural que logo tanto se defende en mitins políticos.
- Coa formación a distancia, que conta cun maior número máximo por grupo respecto da formación presencial, reducirase notablemente o profesorado necesario para impartir estas ensinanzas de FP. Cando se esixe unha maior dotación de persoal, por múltiples e xustificados motivos, a resposta da Consellería é a de recortar profesorado a expensas de contar cunha educación de peor calidade. A opción da formación semipresencial debería ser complementaria da oferta presencial e estar reservada unicamente a casos excepcionais ou a ensinanzas moi concretas.
- Os cambios de formación presencial á modalidade a distancia que nos notificaron algúns centros carecen de todo sentido. Abranguen familias profesionais tan dispares como Informática e Comunicacións ou Servizos socioculturais e á comunidade. Neste último caso, a importancia da modalidade é vital polo tipo de traballo que o alumnado terá que realizar nun futuro e por tratarse dun sector claramente feminizado.
- Mostra da falta de planificación desta Consellería é que primeiro se fai o recorte e transformación de ensinanzas presenciais en ensinanzas a distancia e, posteriormente, planifícanse cursos de formación para capacitar o profesorado nesta nova modalidade, unha vez empezado o curso 2023/24.
- Por último, a aposta da Consellería pola privatización do ensino queda clara por feitos como este, que obrigará a moitas persoas a acudir á formación en centros privados de FP para poder obter formación presencial e, ao mesmo tempo, bonifica con 6000 euros de fondos públicos a patronal do ensino concertado por cada unidade que peche.
CCOO ENSINO ESÍXIRALLE NOVAMENTE Á CONSELLERÍA, NO CONSELLO GALEGO DE FORMACIÓN PROFESIONAL, O MANTEMENTO DE TODA A OFERTA EDUCATIVA PRESENCIAL E, DE NON RECUAR, VALORARÁ AS MEDIDAS DE PRESIÓN QUE CONSIDERE OPORTUNAS, CONXUNTAMENTE CO RESTO DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS

