Este ano cúmprense 45 anos desde que a homosexualidade deixou de ser considerada un delito en España. Desde aquela, o colectivo LGTBI+ non cesou no seu propósito de lograr a igualdade total dos seus membros co resto da sociedade, tradicionalmente normativa. A aprobación hai case un ano da Lei 15/2022, integral para a igualdade de trato e a non discriminación (lei Zerolo), e a recente Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI supuxeron un revulsivo importante na materialización dos dereitos das persoas LGTBI+.
O noso país avanza en dereitos democráticos para as persoas lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais (LGTBI+) nos ámbitos político, social, educativo sanitario, etc., que se incorporan á conformación da dignidade das persoas.
As leis mencionadas conxúranse como ferramentas clave para adoptar accións positivas que faciliten a vida e o desenvolvemento persoal e profesional das persoas LGTBI+ sen ter que renunciar á súa identidade, sen se ocultar para acceder ao emprego, poder formarse ou promover, solicitar beneficios sociais existentes na empresa… Desde CCOO alentamos a vivir en liberdade, tamén no traballo: #AoTraballoSenArmarios e con #OrgulloDeSer.
Pero a aprobación das leis non abonda. Para que as leis sexan eficaces cómpre aplicalas, levalas a efecto, o que se traduce en coñecelas, telas presentes na actividade laboral diaria para poder facer fronte a actitudes, accións, comportamentos LGTBIfóbicos de forma que non teñan cabida en ningunha esfera da vida. En CCOO, esta responsabilidade é, por suposto, sindical e por iso proclamamos: Ao traballo con Orgullo. Das leis á realidade.
Non é posible esquecer que os ataques de quen obstaculiza o avance dos dereitos LGTBI+ en España estanse volvendo máis crus e violentos, amparándose na loiada e a mentira.
Este ano, as manifestacións e concentracións co gallo do 28X nas diferentes cidades e vilas, así como a manifestación estatal do Orgullo, que terá lugar o sábado 1 de xullo en Madrid, han ser máis reivindicativas ca nunca, teñen que ser o Orgullo de todas as persoas. O Orgullo dunha sociedade diversa, plural, xenerosa, acolledora, que reclama a equidade legal real e que quere vivir de forma libre e plena con independencia de cal sexa a súa diversidade afectivo-sexual ou a súa diversidade familiar.

