Intervención Mesa Sectorial 6 de febreiro de 2018
1. Oferta de emprego
CCOO demandamos dúas cuestións previas:
- Que a Consellería de Educación demande ante o Estado a eliminación da taxa de reposición. A Consellería informa de que xa está defendendo esa posición.
- Criticamos que se anuncie a oferta de prazas e especialidades antes da reunión da mesa sectorial.
CCOO-Ensino demandou a oferta da terceira parte da totalidade das prazas que deben saír, ao final do período transitorio (3 anos). O noso obxectivo é reducir as taxas de temporalidade ata o 5 % (recollido noutro acordo asinado por CCOO). A proposta inicial da Consellería de 450 prazas de consolidación rexeitámola por insuficiente e así llo trasladamos á subcomisión do Acordo para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos que tivo lugar o luns, 5 de febreiro. Como consecuencia da negociación e do acordo asinado, finalmente ofertaranse 581 prazas de consolidación. Esta última oferta considerámola moi positiva, porque se acerca ao obxectivo do terzo de prazas reclamado inicialmente. Pasar de 1072 prazas a 1653 para ingreso libre é unha moi boa noticia para as opositoras e opositores. Queremos destacar que o acordo asinado supón un incremento dun 54,2 % de máis prazas que se ofertara só as de reposición.
SOBRE A OFERTA EN CONCRETO demandamos:
- Oferta de prazas de ingreso libre nas EOI
- Que se estude a oferta doutras especialidades neste período de tres anos, entre elas: Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, Latín e Francés no corpo de PES, navegación e instalacións mariñas…
2 . Proxecto de orde pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, de acceso ao corpo de profesores de música e artes escénicas e de ingreso ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Aútonoma de Galicia.
- Facer efectivo o carácter de concurso-oposición, dando instrucións aos tribunais para que se cumpra a lei que obriga a dar por superada cada proba cunha nota igual ou superior a 5. Será a fase de concurso a que determine o número final de aprobadas e aprobados.
- Reducir o número de opositoras e opositores por tribunal.
- Garantir o anonimato das probas.
- Publicitar as cualificacións diariamente.
- Garantir a mesma proba en todos os tribunais da mesma especialidade.
- Normas claras con publicidade previa sobre o formato das probas escritas.
- Rotación das localidades onde se desenvolven as probas.
- Baremación dos méritos por parte da Dirección Xeral e non dos tribunais.
- Gratuidade da matrícula para as e os demandantes de emprego.
- Ampliación de todos os prazos de reclamación e presentación de solicitudes.
- Demandamos que todos os tribunais estean formados por profesorado da especialidade en todos os casos e non só cando sexa posible.
- Solicitamos que a data de presentación se marque de xeito que posibilite presentarse noutras comunidades autónomas.
- Considerar como motivo xustificado a non asistencia ao acto de presentación por ingreso hospitalario.
- Solicitamos que as dúas partes da primeira proba deberían realizarse coincidindo coa presentación.
- Establecer a duración máxima da proba práctica naquelas especialidades en que non está explicitada.
- Modificar a ponderación das dúas partes da primeira proba, outorgando un 40 % ao suposto práctico e o 60 % ao tema.
- Adecuar a orde á terminoloxía LOMCE. Nas programacións deben reflectirse os criterios de avaliación, contidos e estándares de aprendizaxe tal e como aparece no decreto de currículo actual. Da mesma forma, utilizar nos casos de PT e AL a atención ao alumnado con NEAE en lugar de NEE.
- Solicitamos que o profesorado en prácticas teña destino en centros en que exista profesorado da súa mesma especialidade para poder titoralos.
- Inclusión do grao en terapia ocupacional como titulación que permita o acceso ás listas de interinos das especialidades de procesos sanitario e procedementos sanitarios e asistenciais.
CANTO AO BAREMOS, demandamos:
- Valorar o mestrado de formación de profesorado de secundaria, escolas de idiomas e FP, para o corpo de mestres, xa que non constitúe un requisito de acceso.
- Incluír como baremables as linguas cooficiais.
- Demandamos que os méritos que figuran no expediente persoal, non só os servizos, senón tamén titulacións e formación, sexan xa valorados de oficio.
- Valoración dos cursos de menos de 30 horas (no baremo do acceso).
- Incrementar a puntuación por título de licenciado ou de grao distinto ao alegado (no baremo do acceso).
- Eliminar a puntuación por servizos prestados na inspección e noutros cargos da Consellería (no baremo do acceso).
- Desenvolvemento das mesmas especificacións para o exercicio práctico en todas as especialidades. Ademais, débense aclarar diferentes cuestións que aparecen de forma moi xenérica. Todas as opositoras e opositores deben coñecer que medios, instrumentos, etc. e como se lle facilitan. Así mesmo, adecuar os supostos prácticos aos temarios vixentes.
4. PROXECTO DE ADDENDA AO ACORDO DE INTERINOS
Pensamos que o establecido na Addenda é o máis acaído, xa que as tres listas ás que se refire estaban funcionando como lista única ao non haber oposicións desas especialidades.
Con esta addenda reforzamos o espírito do acordo de acceso ás listas de interinidades, polo que se prima a estabilidade en función do tempo traballado.

