Miles de persoas, convocadas por CCOO e UGT, saíron ás rúas das principais cidades e vilas galegas para reivindicaren neste Primeiro de Maio a necesidade de loitar contra a pobreza salarial e social.
Para lograr este obxectivo, os sindicatos defenderon o fortalecemento da negociación colectiva, vital para lograr traballo con dereitos. Nas mobilizacións esixiuse tamén un cambio inmediato das políticas impostas nestes últimos anos, que só trouxeron desacougo e pobreza ás familias que seguen sufrindo as consecuencias da crise e dos recortes impostos polos gobernos. A clase traballadora ve como día a día minguan os seus dereitos e xa son moitas as persoas que están sumidas nun círculo vicioso de temporalidade e precariedade e que moi malamente conseguen vivir con dignidade.
Todo isto nun contexto en que, malia se falar dunha tímida melloría, as familias seguen sen percibila. Ademais, xa son moitas voces as que auguran unha nova ameaza mundial de inestabilidade económica e, sobre todo, de enorme incerteza. Pasou case unha década dende que no verán do ano 2007 comezaran a manifestarse os problemas no sector financeiro mundial e seguimos cos mesmos problemas de fondo.
A economía da eurozona saíu da recesión pero continúa enferma, cun crecemento raquítico, unha inflación case en negativo e unha taxa de desemprego nos niveis máis altos da súa historia.
A crise do proxecto europeo é cada vez máis fonda. A aplicación das medidas de austeridade e recortes sociais contra a maioría da clase traballadora están a ter efectos devastadores para o emprego e aumentaron a pobreza e a desigualdade.
Galicia non é allea a esta realidade. Nos últimos catro anos destruíronse 72.000 empregos; a temporalidade segue medrando (unha de cada catro persoas asalariadas); o 64 % das persoas contratadas a tempo parcial (mulleres, sobre todo) sono porque non atoparon emprego a tempo completo; a mocidade padece taxas de desemprego que superan o 40 %; nos últimos catro anos o mercado laboral galego rexistrou 65.000 persoas activas menos e 16.200 inactivas máis.
O lastre do paro de longa duración continúa, arrastrando a situacións límite a moitas familias, incluso ao bordo da exclusión social e da pobreza. Xa o 45,3 % dos desempregados levan máis de dous anos nesta situación, 19,4 puntos máis que hai catro anos. E o 60 % dos parados leva máis dun ano nesta situación, nove puntos máis que hai catro anos, xusto antes da aplicación da reforma laboral.
Doutra banda, aquelas persoas que si están a traballar son vítimas tanto da temporalidade como da precariedade. No período 2011/2015, a contratación temporal seguiu unha tendencia ascendente difícil de frear: medrou un 31,6 %. No 2015, o 92 % dos contratos rexistrados son temporais.
Os fogares son os que sofren directamente as consecuencias desta nefasta reforma. Xa hai en Galicia 80.200 con todos os seus activos no paro, cifra que aumentou progresivamente nestes últimos anos. E 44.800 fogares non teñen perceptores de ingresos.
Os datos non menten. Hai menos emprego e o que hai é máis precario. Hai máis paro e con menos protección. Caeron os salarios e aumentaron as desigualdades e a pobreza.
Os secretarios xerais de UGT-Galicia e do Sindicato Nacional de CCOO, que participaron na manifestación de Vigo, preguntáronse, á vista destes datos, de que lle valeu a Galicia ser alumna avantaxada en materia de políticas de axuste e cumprimento do déficit.
Urxe un cambio que poña no centro a creación de emprego estable e con dereitos e a loita contra a pobreza e a desigualdade social e salarial. Para isto, haberá que incrementar o investimento público e pór en marcha un cambio de modelo produtivo, sustentable e equilibrado.
Por isto, neste Primeiro de Maio, CCOO e UGT demandaron:
— Impulsar un plan de choque para o emprego.
— Realizar unha verdadeira reforma fiscal que aumente a recadación e a xustiza do sistema.
— Fortalecer a negociación colectiva.
— Aumentar os salarios de xeito coherente coa fase de crecemento económico, co fin de reactivar o consumo das familias e a creación de emprego e reducir as desigualdades e a pobreza.
— Recuperar a calidade dos servizos públicos.
— Aumentar o smi ata acadar o 60 % do salario medio, de xeito progresivo.
— Reverter totalmente a última reforma das pensións, restablecer o Pacto de Toledo e asegurar o futuro do sistema público de pensións.
— Mellorar o sistema de protección por desemprego.
— Pór en marcha unha nova prestación de ingresos mínimos, como propón a ilp promovida por UGT e CCOO, co fin de garantir unha prestación económica a todas as persoas en disposición de traballar que carezan de emprego e ingresos suficientes.
— Impulsar unha potente política industrial que contribúa a fortalecer o sistema produtivo e a xerar emprego máis estable e de máis calidade.
— Derrogar as reformas laborais que tanto dano fixeron.

