Xornada parcial = xornada completa

Coa reforma da Lei Xeral da Seguridade Social iguálase, a efectos do cómputo dos períodos de cotización, a xornada parcial á xornada completa para as pensións de xubilación, incapacidade permanente, morte e supervivencia, incapacidade temporal, nacemento e coidado de menor, calquera que sexa a duración da xornada. 

A reforma  beneficia a todas as persoas con contratos laborais parciais en calquera administración ou empresa.

A modificación do Artigo 247 da da Lei Xeral da Seguridade Social, cuxa nova redacción é dada polo RDL 2/2023, do 16 de marzo e entrou en vigor o 1 de outubro.

A plena equiparación do cómputo dos períodos cotizados con contratos de traballo a tempo parcial foi unha das nosas históricas reivindicacións. CCOO veu denunciando que a lexislación tradicional de Seguridade Social tardou demasiado en incorporar un trato equitativo ao emprego a tempo parcial. Así, as persoas que cotizaban a tempo parcial (maioritariamente mulleres) víronse abocadas durante moito tempo a unha dobre penalización: a derivada dos menores salarios base de cotización e a consideración só parcial dos períodos que traballaron.

Finalmente, a Seguridade Social aceptou as nosas peticións e a aplicación imposta pola doutrina resultante das Sentenzas do Tribunal Constitucional 91/2019, do 3 de xullo, e 155/2021, do 13 de setembro, polas que se declaran a inconstitucionalidade e nulidade de determinados incisos do artigo 248.3 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, dada a súa incidencia negativa na contía das pensións das persoas traballadoras a tempo parcial, particularmente das mulleres.

As nosas demandas non terminan aquí, CCOO reclamou á Seguridade Social que, coa entrada en vigor desta reforma e a súa inclusión na Lei, actualice, o máis axiña posible, a información contida no Informe de Vida Laboral, incluíndo de forma expresa o dato de períodos en alta que se establecen como referencia para determinar as prestacións das persoas con contrato a tempo parcial.

Máis información: ccoo.es – CCOO insiste a Seguridad Social para que el informe de Vida Laboral recoja correctamente los periodos cotizados a tiempo parcial