Por un lado, o acordo de teletraballo permite a implantación, con carácter ordinario, desta modalidade no ámbito do persoal de administración e servizos da USC, sen depender de circunstancias excepcionais como as vividas coa pandemia. A USC será deste xeito a primeira universidade galega en que os sindicatos logramos dar ese paso.
Por outro lado, o acordo para o establecemento dun novo permiso de ata catro días (en caso de enfermidade ou accidente que non dean lugar a baixa médica) vén a corrixir en parte, tal e como propoñiamos, a diferenza de días e permiso coas demais universidades galegas. A non aceptación desa diferenza fixo que nos últimos anos CC.OO. quedaramos sos votando en contra da Xerencia na Instrución anual de vacacións.
Seguramente, ambos os temas aínda necesitarán de melloras normativas e de interpretación, pero queda claro que a actuación independente, a presentación de alegacións e a negociación persistente das nosas propostas permitiron lograr estes avances. Non entendemos que ningún sindicato poida renunciar á presentación de propostas e a participación no debate de alternativas, acomodándose desa maneira na pasividade.
Destes dous asuntos, o teletraballo é, sen dúbida, o máis novo e o que resultará tamén máis laborioso no futuro. En CC.OO. levabamos anos no tema: xa en outubro do 2013 presentaramos por primeira vez unha proposta de teletraballo; incluímolo despois como obxectivo destacado no programa electoral e, xa en 2018, acadamos un acordo coa USC para un primeiro programa piloto, que apenas funcionou. Agora que se pon a andar, como modalidade ordinaria, despois de que na última xuntanza a Xerencia aceptara bastantes das nosas alegacións, imos facer todo o posible para que o acordo funcione e se aplique da mellor maneira.
Para iso, na sección sindical de CC.OO. comprometémonos aclarar, explicar, axudar e defender ao persoal interesado en acollerse ao acordo. Nin o PAS nin a USC deben perder a oportunidade; entre os obxectivos están os seguintes:
- Mellorar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
- Aumentar o compromiso e o nivel de motivación do persoal.
- Potenciar o traballo sobre a base de obxectivos e non en tempo de presenza.
- Diminuír o absentismo e favorecer a saúde laboral.
- Mellorar a xestión do tempo e os procesos de traballo na USC.
- Reducir os tempos de desprazamento dos empregados/as.
- Contribuír á mellora do impacto medioambiental.
- Contribuír a unha xestión sostible dos recursos da USC e a unha consecución de aforro enerxético.