Toda a información sobre a negociación do convenio de ocio educativo

Logo das últimas reunións mantidas, nas que abordamos cuestións como a mellora da regulación da cobertura de vacantes, a redución dos períodos de proba e cesamentos voluntarios, ou a contratación, tanto no referente á adaptación á lexislación vixente como á modificación e blindaxe do contrato fixo-descontinuo, o pasado 8 de maio démoslle prioridade ao peche dun acordo en materia salarial.

Despois de intercambiar diferentes propostas, alcanzáronse algúns puntos de consenso:

  • Convenio con vixencia ata finais de 2027, coas seguintes revisións salariais:
    • Para 2024, unha actualización do SMI para todos aqueles postos de traballo que se encontran por debaixo deste.
    • Para as persoas traballadoras que presten servizos en todos aqueles recursos, programas ou servizos de contratación pública, cuxo inicio do expediente de contratación se iniciara con posterioridade á publicación do convenio, proponse un incremento global de arredor do 14 %-18 % repartido entre os anos de vixencia do convenio.
    • Mentres os recursos, programas ou servizos de contratación pública estean en execución ou se trate de contratos privados, a suba será dun 1,5 % anual.
    • A partir do 1 de outubro de 2027, prodúcese unha converxencia das diferentes táboas de aplicación a unha táboa única para todas as persoas traballadoras.
  • En materia de clasificación profesional, formulouse a inclusión de novos postos de traballo que recollan a realidade do sector, buscando a fixación máis adecuada nas táboas salariais. Na próxima reunión avanzarase a proposta coas definicións dos postos de traballo.
  • Así mesmo, presentáronse diversas propostas consistentes na creación de mecanismos de regulación e compensación das xornadas en servizos e actividades de campamentos e colonias, dada a singularidade de funcionamento e especial situación que se produce nestes servizos.

CCOO pretende regular estas situacións de carácter especial para dar visibilidade ao labor que realizan as persoas traballadoras nestes servizos e conseguir que se retribúa acorde ao seu desempeño, respectando en todo momento os tempos de descanso.

A próxima mesa negociadora terá lugar o 28 de maio.