Toda a información sobre a vacinación no ensino galego

O comezo da campaña de vacinación nos centros de ensino da nosa comunidade resultou dunha descoordinación pouco entendible. Desde CCOO ensino xa levabamos advertindo da necesidade de traballar en conxunto coa administración ao fin de prever as casuísticas específicas da vacunación no eido do ensino. Deste xeito solicitamos en reiteradas ocasións xuntanzas con Conselleiro para poder colaborar e poñer enriba da mesa as necesidades e inquedanzas das traballadoras e traballadores da Consellería de Educación.

Esta falta de colaboración por parte da administración desembocou nun comezo de vacinación esperpéntico onde nin sequera houbo coordinación entre as Consellerías de Sanidade e Educación. Na xuntanza de onte onde estivo presente Carmen Durán, directora de Saúde Pública, púxose de manifesto a precipitación do comezo da vacinación e o caos formado en varias áreas sanitarias no chamamento ao profesorado, feitos recoñecidos por Sanidade. É entendible que a premura por aproveitar as doses que van chegando das diferentes vacinas requiran de certa precipitación á hora de iniciar o proceso pero non se pode entender, que desde a Consellería de Educación non se tivese nin sequera trasladado a Sanidade o número total de traballadores e traballadoras así como un mínimo plan de actuación para iniciar o proceso.

Desde CCOO ensino vimos denunciando a falta de prevención e actuación en todo o que ten que ver coa pandemia do COVID-19 desde o ano pasado. Nin se toman as medidas axeitadas de prevención de saúde nos centros educativos e tampouco se artellan as medidas mínimas precisas para iniciar agora a vacinación.

A partir de hoxe, as Consellerías de Sanidade e Educación comprometéronse a traballar en colaboración coas organizacións sindicais ao fin de que o proceso de vacinación sexa o máis rápido posible e que  este repercuta o mínimo no día a día dos centros educativos. Desde CCOO ensino esixiremos máxima transparencia e información nas xuntanzas coas Consellerías, que inicialmente están previstas cada 15 días.

CCOO ensino xa adiantou onte que solicitaba a vacinación de todos e todas as traballadoras do ensino. A Consellería manifestou que neste momento o colectivo prioritario é o docente. Esiximos a vacinación de modo preferente daqueles traballadores e traballadoras que teñen contacto directo co alumnado. 

Ademáis solicitamos que se estableza unha prelación dentro do colectivo e que todo o persoal que non ten docencia directa (liberados sindicais, persoal asesor, persoal de formación….) non teña preferencia sobre aquel que si ten contacto directo co alumnado.

A Consellería trasladou onte as seguintes cuestións con respecto á vacinación do profesorado e agardamos que hoxe se aclaren máis:

  1. Orde de vacinación por orde alfabética
  2. Chamarase a menores de 55 anos, aos que se lle administrará a vacina de AstraZeneca. Tamén se irán incorporando aos chamamentos as persoas maiores de 55 anos segundo se vaian dispoñendo das vacinas de Pfizer ou Moderna.
  3. Avisarase por SMS ao móbil do mesmo xeito que cando se chamou para os cribados de inicio de curso.
  4. O lugar da vacinación será na área sanitaria onde se traballe, non onde se resida.
  5. O profesorado que rexeite vacinarse deberá facelo por escrito. Levarase un rexistro deste persoal. Se co tempo muda de opinión poderase vacinar posteriormente.
  6. A segunda dose da vacuna será nun prazo posterior. establecido entre 10 e 12 semanas
  7. As persoas embarazadas poderán vacinarse mais recoméndase consultalo co médico de familia.
  8. As persoas en IT serán chamadas no momento que collan a alta.
  9. Unha vez vacinados permanecerase no centro hospitalario uns 15 minutos para comprobar que non se produce ningunha reacción adversa.
  10. As reacción posteriores á vacina que están a darse son as referidas a: malestar na zona do pinchazo, febre, síntomas parecidos á gripe ou malestar muscular. Non se están a dar outro tipo de reaccións ou interaccións.