Toda a información da comisión de persoal do 20 de decembro

O 20 de decembro de 2024 tivo lugar a xuntanza da Comisión de persoal ordinaria na que, ademais da aprobación das actas de reunións anteriores, tratáronse os seguintes puntos na orde do día:

PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE APROBA A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO PARA O ANO 2024 DO PERSOAL SANITARIO FUNCIONARIO AO SERVIZO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA INCLUÍDO NO ÁMBITO DE APLICACIÓN DA LEI 17/1989, DO 23 DE OUTUBRO, DE CREACIÓN DE ESCALAS DO PERSOAL SANITARIO AO SERVIZO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA

O voto de CCOO neste punto foi A FAVOR, xa que se ofertan 15 prazas, 14 correspondentes a xubilacións do 2023 e 1 a taxa de reposición do 110% cumprindo co establecido no artigo 20.2 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023.

PROPOSTA DE RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR

O voto de CCOO neste punto foi EN CONTRA. Desde CCOO somos conscientes do que supón que o persoal do Consorcio teña por fin unha RPT despois de tantos anos. Esta RPT é importante para a estabilización e integración do persoal, para o vindeiro concurso de traslados e para a posterior funcionarización das traballadoras do Consorcio que así o decidan. Pero sobre todo, é importante para que dunha vez por todas, o persoal do Consorcio pase a estar regulado directamente pola normativa de Función Pública aos efectos de mobilidade, comisións de servizo, concursos de traslados, e mesmo contratación temporal (xa que as listas do Consorcio pasarán a integrarse nas do Decreto 37/2006).

Por outra banda é notorio que o persoal do Consorcio, foi sempre a remolque en todo o referente as súas condicións de traballo e retribucións e esta RPT vai a ser un punto de partida para homologar as retribucións deste persoal con respecto ao persoal da Consellería de Política Social que presta os mesmos servizos. Pero non é menos certo que se houbese vontade por parte de todos, xa poderíamos partir dun punto de saída diferente ao que partimos porque tempo houbo.

Dito isto, dende CCOO non podemos apoiar una RPT que establece desigualdades nos niveis entre escalas que se inclúen nesta RPT e as escalas análogas ou similares da Consellería de Política Social e Xuventude. En pleno século XXI críamos que consignas sindicais como “a mesmo traballo mesmas retribucións” estaba máis que amortizado.

Pero ademais os motivos que xustifican o noso voto son:

  • Non hai criterios obxectivos para diferencias os niveis entre escalas en función de réxime de prestación dos distintos postos de traballo ou da tipoloxía de centros nos que se prestan.
  • Non se establece un procedemento para a provisión dos postos das direccións dos distintos centros (centros de día, vivendas, escolas…).
  • Non se concretan nin se obxectivizan os criterios que regularán as itinerancias naqueles postos nos que conste esta observación.

Si recollemos de bo agrado, e aínda quenon nos satisfai completamente, o anuncio da Directora Xeral de Emprego Público e administración de Persoal, de que se procederá á equiparación de niveis coas escalas análogas da Xunta de Galicia. Así quedou recollido en acta. E así llo esixiremos desde CCOO tan pronto se publique esta RPT.

PROPOSTA DE MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO REFERENTE AO PROCESO DE FUNCIONARIZACIÓN DE POSTOS DE PERSOAL LABORAL DA XUNTA DE GALICIA E CLASIFICACIÓN NO CORPO DE AXUDANTES DE CARÁCTER FACULTATIVO DA ADMINISTRACIÓN ESPECIAL (SUBGRUPO C1) E NO CORPO DE AUXILIARES DE CARÁCTER TÉCNICO DE ADMINISTRACIÓN ESPECIAL SUBGRUPO C2) DA ADMINISTRACIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

O sentido do voto de CCOO foi A FAVOR, xa que estamos ante unha nova RPT de funcionarización, e xa van 9, nas que podemos dicir que non hai cabida para a mensaxe de “QUE VIENE EL LOBO” porque quedou máis que patente nas anteriores e nesta, despois da retirada da proposta anterior traída a mesa xeral en xullo, de que o PERSOAL LABORAL FUNCIONARIZADO, non vai a ver minguadas as súas retribucións co cambio de vínculo xurídico, e ás probas nos remitimos!!!

Ademais, confirmouse por parte da Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, así como polo Director Xeral de Orzamentos, que os complementos de especial singularidade e de especial dispoñibilidade van vinculados ao posto e non a prestación efectivas dos servizos e que polo tanto cobraranse tanto en vacacións, como en asuntos propios ou situacións de IT.

Estamos ante unha RPT sen complementos de funcionarización e con incrementos retributivos en positivo para todos os postos afectados tanto do grupo C1 Como do C2. Mala noticia para los “agoreiros” e “metemedos”; boa noticia para o colectivo de condutores do Parque Mobil da Xunta de Galicia.

PROPOSTA DE DECRETO POLO QUE SE APROBA A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO ORDINARIA PARA O ANO 2024, DA DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO PÚBLICO E ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL

Unha OPE para o ano 2024 na que se van a ofertar un total de 583 prazas de acceso libre: 252 para a administración Xeral e 320 para a Administración Especial. O sentido do voto de CCOO foi ABSTENCIÓN, xa que consideramos que esta OPE debería terse negociado máis polo miúdo e establecer pautas para un novo modelo de promoción interna así como o aumento das prazas da promoción interna separada. Ademais tamén cremos que era o momento de establecer un cambio criterio sobre os temarios (temarios oficiais publicados pola EGAP que sirvan de referencia aos tribunais para elaborar as preguntas dos exames) para evitar certas circunstancias producidas en convocatorias recentes pouco afortunadas.

PROPOSTA DE MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DA ADMINISTRACIÓN XERAL E DE ADMINISTRACIÓN ESPECIAL DA ADMINISTRACIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

O sentido do voto de CCOO foi EN CONTRA. Valoramos positivamente a creación de postos de traballo, como non pode ser doutro xeito, aínda que por desgracia teñan que vir avalados por sentencias xudiciais. Pero non podemos admitir que estes postos se creen como postos en precario:

Non vemos nin lóxico, nin axeitado a creación de prazas de titulado superior lingüista a tempo parcial e por 7 meses o ano, sobre todo despois do informe recentemente publicado do Instituto Galego de Estatística, que pon de manifesto a precaria situación do galego no conxunto do país. Mal se pode poñer en valor o idioma e remontar esta situación con propostas como a que se trae nesta RPT. Esiximos contratos a tempo completo e 12 meses ao ano e non precarizar o emprego público.

Non compartimos os niveis adxudicados aos postos vinculados ao Parque das Illas Atlánticas que, no momento en que se aprobe o acordo de condicións de traballo e prestación de servizos do persoal do Parque das Illas Atlánticas, terá un unha repercusión negativa nas características destes postos.

Puxemos de manifesto que os postos de mestres de taller do Laboratorio Oficial de Metroloxía deben vir configurado cos complementos xa gañados por sentenzas xudiciais e, en todo caso, que se deben igualar os postos xa que a prestación de servizos é a mesma.