CCOO non asinou estas novas táboas porque consideramos a suba moi insuficiente e, ademais, non se aborda a posibilidade de ir incrementado co tempo ese diferencial, cun calendario definido e concreto, tal e como temos proposto de forma reiterada. De feito, no propio acordo os asinantes reflicten o seguinte: «Como se acaba de producir unha suba do salario mínimo interprofesional (BOE, 29 de setembro 2021), manterase o diferencial de 10 euros sobre o dito SMI, para a categoría de educador infantil no concepto “salario mensual”, nas táboas salariais do anexo I para o período de setembro a decembro do devandito ano».
Isto supón que, unha vez publicado o novo SMI, que pasa a ser de 965 euros, a educadora percibe unha retribución de 975 euros, o que representa 10 euros máis ca as categorías que cobran o SMI, cando a diferenza actual é de 18,09 euros. Unha vez máis, os asinantes do convenio demostran a súa habilidade negociadora.
Cabe recordar que CCOO interpuxo unha demanda na Audiencia Nacional co propósito de que se recoñecese o dereito das educadoras a percibiren un diferencial retributivo con respecto ao resto de categorías sen responsabilidade docente. As patronais, con tal de evitaren o xuízo, aceptaron na mesa negociadora o recoñecemento do dereito, que tamén se publicou no BOE. O que non avala CCOO é que o diferencial se fixara en 10 euros. É ese o valor engadido do traballo que realizan as educadoras? Para nós, evidentemente, NON.
É o momento de denunciar o XII Convenio colectivo e iniciar as negociacións do novo convenio.
Máis información: Revista TE