Comisións Obreiras e UGT Servizos Públicos informan de que se asinou o III Convenio Colectivo Estatal de Acción e Intervención Social.
O novo convenio é o resultado dun proceso de negociación complexo e esixente, desenvolvido nun contexto especialmente difícil para o sector, no que finalmente se melloran as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras do ámbito da acción e intervención social, un sector esencial para a cohesión social e a atención a colectivos en situación de vulnerabilidade.
Entre os principais contidos do acordo acadado destacan:
Incrementos salariais acumulados en catro anos dun 15,85 %, chegando ao 16,4 % no grupo profesional 4, garantindo unha mellora real do poder adquisitivo:
- 2026: o incremento será do 3 %
- 2027: o incremento será do 3 % e do 3,5 % para o Grupo 4
- 2028: o incremento será do 4,5 %
- 2029: o incremento será do 4,5 %
Redución progresiva da xornada anual en 33 horas, coa seguinte distribución:
- 2026: xornada máxima anual de 1.715 horas
- 2027: xornada máxima anual de 1.710 horas
- 2028: xornada máxima anual de 1.700 horas
- 2029: xornada máxima anual de 1.695 horas
Avanzando cara a unha maior conciliación da vida laboral e persoal.
20 minutos de descanso retribuído diario, computables como tempo efectivo de traballo, para xornadas superiores a 6 horas diarias.
Incorporación dos novos permisos e licenzas, así como dos novos protocolos LGTBI e de prevención de riscos por situacións climatolóxicas adversas e catástrofes.
Unha nova regulación do voluntariado, para garantir que non substitúa persoas traballadoras e, por primeira vez, inclúense no ámbito do convenio as plataformas dixitais do sector social.
UGT-SP e CCOO pretendíamos mellorar máis aspectos do convenio e pulir algunhas redaccións, pero a negativa da patronal a avanzar noutras materias deixou un sabor agridoce.
A sinatura deste convenio lévase a cabo desde un exercicio de responsabilidade sindical, evitando a conxelación salarial, mellorando as condicións laborais e reforzando a dignificación das profesións do sector. Ambas as organizacións poñemos en valor o esforzo e a implicación das persoas negociadoras, así como a paciencia e o compromiso amosados polas traballadoras e traballadores do sector ao longo de todo o proceso.
