Reformar o sistema de bolsas: unha peza clave para a defensa dun modelo público de universidade

CCOO reclamamos un sistema de bolsas que garanta realmente a universalidade e a equidade no ámbito universitario

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos sinala que: «Toda persoa ten dereito á educación» e «[…] o acceso aos estudos superiores será igual para todas as persoas, en función dos méritos respectivos». En España, o dereito á educación está garantido no artigo 27 da nosa Constitución.

A educación universitaria é un factor clave de promoción social para a cidadanía: favorece a inserción laboral, a traxectoria profesional, os niveis de ingresos e protexe fronte ao risco de pobreza; ademais, a través da formación universitaria conséguese unha cidadanía mellor formada e, polo tanto, máis libre. A universidade configúrase así como un potente ascensor social. Porén, comprobamos que o acceso aos estudos universitarios non é un dereito universal: presenta un importante compoñente interxeracional, xa que depende en boa medida da contorna social e familiar e, moi especialmente, do nivel formativo das persoas proxenitoras.

No ámbito universitario, as bolsas concíbense como axudas económicas destinadas a cubrir parte ou a totalidade dunha actividade formativa ou investigadora. A través do sistema de bolsas debería, polo tanto, garantirse que ninguén abandone ou deixe de matricularse en ningún nivel do sistema educativo por razóns económicas. Cumpre o noso sistema de bolsas esta función? Sabemos que non. Na medida en que as axudas ao estudo cumpran esa finalidade, o alumnado das clases populares debería ver incrementada a súa probabilidade de rematar estudos superiores e, deste xeito, atopar menos dificultades para a promoción social. Porén, no ámbito da universidade pública, o alumnado procedente de clases medias e altas está sobrerrepresentado. É dicir, o alumnado de extracción social máis baixa non accede á universidade, mais as súas familias e eles mesmos pagan, como o resto, os impostos que contribúen a financiar o servizo público universitario, o que supón unha clara discriminación. Se o sistema de bolsas non consegue atraer á universidade ás clases máis desfavorecidas ou a súa dotación non evita que as restricións económicas mermen o rendemento académico ou provoquen un abandono posterior, a mobilidade social non se producirá, aínda que se recibise a axuda nalgún momento da traxectoria educativa.

No ano 2007 aprobouse o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro, polo que se establece o réxime das bolsas e axudas ao estudo personalizadas. Nesta norma establécese que, ano tras ano, debía revisarse mediante real decreto a actualización dos conceptos e das contías. Neste contexto, o pasado 18 de decembro reuniuse o Observatorio Universitario de Bolsas, Axudas ao Estudo e Rendemento Académico para valorar o Proxecto de real decreto polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2026-2027. A norma recolle como principais novidades con respecto ao curso anterior:

  • A mellora do tratamento, para efectos de bolsa, do alumnado universitario e das ensinanzas artísticas superiores con matrícula parcial de entre 48 e 59 créditos, que poderá percibir parte da bolsa de renda e residencia.
  • A actualización dos limiares de patrimonio, do mesmo xeito que xa se fixera no curso 2024-2025 cos limiares de renda.
  • Facilítase a posibilidade de reducir a carga lectiva ás persoas con discapacidade de entre o 25 % e o 64 %, complementando a medida xa existente para quen teña acreditado un grao superior.
  • Introdúcese como novidade a convocatoria, por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, de bolsas de colaboración do estudantado en departamentos universitarios para o curso 2026-2027.

Desde CCOO, sendo conscientes do esforzo orzamentario realizado nos últimos anos e das limitacións que supón non contar con orzamentos aprobados, defendemos a necesidade de mellorar e reformar o sistema con base nos seguintes criterios:

  • A bolsa debe concibirse como un dereito subxectivo do alumnado e das familias. Desde CCOO defendemos a necesidade de modificar o modelo actual, que contempla unha parte fixa e outra variable, pola súa falta de equidade e pola incerteza que xera. Entendemos que a parte variable debe integrarse na fixa. Neste sentido, resulta esencial avanzar no obxectivo declarado pola LOSU de acadar a gratuidade dos estudos universitarios.
  • O incremento das contías. Para o curso 2026/2027 mantéñense conxelados os importes dos distintos conceptos. Na práctica, para a maioría dos supostos, as contías son similares ás do curso 2020/2021. Consideramos que o obxectivo, para situarnos na media dos países da nosa contorna, é destinar o 0,44 % do PIB a este fin e que se reflicta nos Orzamentos Xerais do Estado de cada ano. É imprescindible actualizar estas contías co mesmo incremento que o IPC anual, o que nesta convocatoria suporía unha suba do 2,9 %.
  • A necesidade de revisar anualmente os limiares de renda e patrimonio tomando como referencia o Salario Mínimo Interprofesional. A non actualización destes limiares deixa fóra un número cada vez maior de alumnado que realmente precisa da bolsa para acceder e continuar a súa formación universitaria.
  • Debe prestarse unha atención especial á contía fixa ligada á residencia da persoa solicitante durante o curso. O importe actual de 2.700 € anuais é insuficiente, dependendo do lugar onde se cursen os estudos.
  • É imprescindible dar un tratamento específico ás familias monoparentais, cuxa realidade non se contempla na normativa vixente, coa conseguinte discriminación.
  • Debe suprimirse o aboamento de xuros no suposto da obriga de reintegro do importe da bolsa cando esta se perde. Esta penalización debe desaparecer canto antes, sen vinculala á súa inclusión na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, nun contexto de prórroga destes xa desde hai tres exercicios.
  • Cómpre avanzar na liña de adiantar o aboamento do importe da bolsa. Non saber ao inicio do curso se se vai ser persoa beneficiaria nin contar cos recursos económicos necesarios para afrontar os gastos que supón estudar na universidade ata ben entrado o primeiro ou mesmo o segundo cuadrimestre pode provocar que o estudantado con menos recursos non acceda ao sistema universitario ou non continúe nel. Polo tanto, debería adiantarse a data da convocatoria e da resolución.

A medio prazo, trasladámoslle ao Ministerio a proposta de introducir bolsas salario nos niveis posobrigatorios. Unha bolsa salario universitaria é unha axuda económica mensual para estudantes que non só cobre os gastos de matrícula, senón que proporciona un “salario” para os gastos de vida, garantindo o acceso e a permanencia na universidade a cambio de cumprir determinados requisitos académicos e de renda familiar. Deste xeito facilítase o acceso e a continuidade na educación superior, reducindo o risco de abandono por motivos económicos.

O obxectivo é claro: desenvolver todo o potencial do sistema de bolsas e axudas ao estudo para favorecer procesos de mobilidade social ascendente, sendo á vez quen de vencer as resistencias das clases máis humildes para acceder á universidade. Reordenar o sistema de bolsas é unha condición indispensable non só para unha distribución máis eficiente das axudas, dirixíndoas a onde os seus efectos poidan ser maiores, senón, sobre todo, para unha distribución máis xusta.