As organizacións sindicais CCOO Ensino, CIG-Ensino e SNEP denunciamos unha vez máis o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3.
Convocamos catro xornadas de folga e mobilizacións polas rúas galegas, dúas na segunda quincena do mes de outubro, os días 19 e 25, e outras dúas na primeira quincena de novembro, os días 8 e 15, en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.
Unha vez máis, denunciamos o inmobilismo e o involucionismo das patronais, que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo para as traballadoras e a permanente intención de recortar os seus de dereitos laborais e sociais. Esiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. Chamamos á responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector.
Tamén facemos un chamamento ás demais OO. SS. que rexeitaron a unidade de acción sindical sen xustificación sensata, desoíndo á maioría social que din representar, dándolles as costas e querendo escoitar a unha patronal irresponsable, que fai oídos xordos do clamor social que lles esixe un cambio de rumbo, o cal é o único camiño para pechar este conflito dun xeito digno. Calquera outra solución significará vender miserablemente ao persoal traballador.