A xuntanza permitiunos informar a conselleira da situación das traballadoras e dos traballadores do ensino concertado, dos recortes sufridos desde 2009, das demandas que levamos reclamando desde hai anos: acordo de xubilación parcial, aboamento da paga extraordinaria de antigüidade, acordo de mantemento de emprego, homologación salarial e das condicións de traballo co ensino público, pagamento delegado e complemento autonómico para o PAS, pagamento do complemento por coordinación dos equipos de dinamización lingüística e das substanciais diferenzas coas traballadoras e os traballadores do ensino concertado do resto do Estado.
Aínda que a xuntanza transcorreu nun clima de cordialidade e xenerosidade no tempo, a conselleira e os membros do seu equipo rexeitaron calquera compromiso de negociación sobre asuntos que lles propuxemos nin acordar calendarios de negociación para as datas vindeiras. Limitáronse a manifestar que estudarían as nosas propostas e que procurarían abordar nos próximos meses aquelas que consideraran máis factibles para chegar a hipotéticos acordos.
Polo tanto, estamos ante unha declaración de intencións pero ningunha concreción. A conselleira recoñeceu que tiñan moi presente que estabamos en ano electoral e que, máis cedo ca tarde, concretarían algo. Ante a nosa petición de que a Comisión Tripartita do Ensino Concertado debera ser o foro adecuado para seguir traballando en prol de conseguir acordos, a conselleira contestou que só seriamos convocados se tiñan algunha proposta concreta que facernos.
Polo tanto, se non hai propostas concretas nas próximas semanas, a mobilización do ensino concertada é o único camiño.