CCOO reclama unha solución que recoñeza o dereito á xubilación parcial para o persoal funcionario e que garanta a súa aplicación efectiva para todo o persoal, funcionario e laboral
Desde CCOO reclamamos que:
- A xubilación parcial dos empregados públicos se reflicta de maneira inmediata na normativa de aplicación en materia de seguridade social e clases pasivas, sen esperar a hipotética aprobación da lei de función pública.
- Os termos en que se recoñeza este dereito non supoñan unha modificación do criterio xeral que aplica a Seguridade Social ao persoal laboral. A nova regulación non pode supoñer unha penalización para este persoal da Administración que, en moitos casos, vén accedendo a esta modalidade de xubilación desde hai décadas.
- O procedemento que se estableza para o persoal funcionario (ou para o conxunto dos empregados públicos, se for o caso) non supoña unha paralización na súa aplicación práctica como consecuencia da necesidade dun desenvolvemento regulamentario. O contrario podería supoñer unha paralización de facto deste dereito ou, no mellor dos casos, un atraso nos tempos para que a persoa que o poida solicitar acceda á situación de xubilada parcial desde o momento en que cumpra os requisitos e estea interesada (desde os 62 anos).
Que é a xubilación parcial
A xubilación parcial é unha modalidade de xubilación iniciada despois do cumprimento da idade que normativamente se determine, e que permite compatibilizar a xubilación cun contrato de traballo a tempo parcial e vinculado ou non cun contrato de remuda concertado cun traballador ou traballadora en situación de desemprego ou que teña concertado coa empresa un contrato de duración determinada.
Coa xubilación parcial, a persoa traballadora cobra unha parte da súa pensión de xubilación, ao tempo que percibe un soldo pola súa actividade profesional. Pero, a diferenza doutras modalidades de xubilación compatibles co traballo, debe solicitarse sen estar xubilado, mentres aínda se traballa na empresa. Outra particularidade da xubilación parcial é que a persoa traballadora non pode seguir contratada a xornada completa nesta nova etapa, senón que ha asinar coa empresa un contrato parcial. Por tanto, a redución de xornada é obrigatoria. A xubilación parcial pode ter dúas modalidades: con ou sen contrato de remuda.
O cuestionamento do dereito
O dereito á xubilación parcial con contrato de remuda, que legalmente está recoñecido para o persoal laboral, foi suprimido para o persoal funcionario no ano 2012 polo goberno do Partido Popular, que mediante o Real decreto lei 20/2012, polo que se levaron a cabo diferentes recortes no sector público, derrogou a normativa que posibilitaba que o persoal funcionario e estatutario puidese acollerse a esta modalidade de xubilación (artigo 67 letra d) da Lei 7/2007 do Estatuto Básico do Empregado Público).
O proceso de recoñecemento legal do dereito
No marco do Acordo para unha Administración do século XXI, en decembro de 2024, CCOO, UGT e o Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública asinaron un acordo que lle devolve ao persoal funcionario —incluído o pertencente ao Réxime de clases pasivas— e estatutario o dereito á xubilación parcial, un avance que equipara a estes colectivos co resto dos traballadores e traballadoras en España, que xa gozaban del. O acordo non supoñía o recoñecemento automático do dereito, senón que lle correspondía ao Goberno impulsar, con axilidade, as modificacións normativas necesarias para que o acordo se faga realidade. As leis que teñen que cambiar son:
- o Estatuto Básico do Empregado Público (TREBEP), engadindo unha disposición específica sobre xubilación parcial
- a Lei xeral da Seguridade Social, que regulará a idade, cotización e redución de xornada
- a Lei de clases pasivas, que tamén require axustes para incluír esta modalidade de xubilación.
Porén,logo de 13 meses de negociación na Mesa Xeral de Función Pública, este dereito segue pendente de reflectirse nun texto legal que realmente garanta o seu exercicio. E todo iso debido ás formulacións contraditorias dos diferentes ministerios implicados (Transformación Dixital e Función Pública; Traballo e Economía Social; Facenda e Inclusión; Seguridade Social e Migracións).
Inicialmente, a xubilación parcial incluíuse no Proxecto de Lei de Función Pública da Administración do Estado, que está en tramitación parlamentaria desde o 17 de xullo de 2024 e que, nestes momentos, se atopa en fase de emendas na Comisión de Facenda e Función Pública ata o 20 de febreiro de 2026 (como mínimo, xa que os períodos de emendas véñense ampliando desde setembro de 2024). Unha vez aprobado polo Congreso, se for o caso, pasaría ao Senado. Ao non ter a consideración de trámite de urxencia, o Senado ten un prazo de dous meses para a súa tramitación. En calquera caso, dada a actual distribución da representación parlamentaria, nada garante a aprobación desta norma se nalgún momento se somete a votación.
Neste contexto, as empregadas e empregados públicos non podemos seguir esperando indefinidamente a aplicación efectiva do dereito á xubilación parcial. Non é unha concesión nin un regalo, esiximos que os acordos se cumpran.
Reclamamos unha xubilación parcial inmediata e real, que garanta que no momento en que a persoa traballadora, laboral ou funcionaria, cumpra os requisitos de idade e cotización, acceda á situación de xubilada parcial se así o solicita, con independencia do procedemento que se poida establecer para a incorporación da persoa traballadora remudista. Todo o que non sexa esta solución suporía baleirar de contido o dereito.

