Paso ao corpo de Secundaria A1 do profesorado técnico de FP
As persoas con titulación universitaria de todas as especialidades, a excepción das dez que quedarán no corpo de profesorado especialista en sectores singulares da FP, pasarán a ser do corpo de secundaria e, por tanto, ao grupo A1. O Ministerio de Educación e Formación Profesional ten que establecer o procedemento.
As dez especialidades que quedarán enmarcadas no novo corpo de profesorado especialista son:
- Cociña e pastelería
- Estética
- Fabricación e instalación de carpintería e moble
- Mantemento de vehículos
- Mecanizado e mantemento de máquinas
- Patronaxe e confección
- Perruquería
- Produción de artes gráficas
- Servizos de restauración
- Soldadura
O profesorado das especialidades que pasen a secundaria que non teña titulación universitaria quedará no corpo a extinguir de PTFP.
En calquera dos casos, as atribucións docentes non sofren modificacións e mantéñense condicións laborais e de promoción interna.
A novidade nesta nova lei de FP é que o prazo para poder ter e presentar titulación universitaria se amplía a cinco anos e xa non é só no momento da entrada en vigor da LOMLOE, quedando redactada da seguinte maneira esa disposición adicional orixinal:
… esta integración que producirá efectos a quen reúna os requisitos e o solicite dentro do prazo inicial que se estableza, desde a entrada en vigor desta Lei (LOMLOE). Para quen o solicite con posterioridade a ese prazo inicial, os efectos serán a partir da data da súa solicitude, sempre que se encontre en condicións de ser integrado nesa data.
Este dereito só poderá ser exercido ata o quinto ano posterior á vixencia desta Lei.
Este paso ao A1 terá efectos retroactivos desde a entrada en vigor da LOMLOE, tal e como establece a lei.
CCOO reivindicou durante todo este tempo, e ségueo facendo con actuacións específicas:
— Que o paso sexa inmediato e áxil, simplemente presentando a titulación; debe ser tamén en prazos similares en todas as comunidades autónomas.
— Que o prazo para ter e presentar a titulación non teña ningunha limitación temporal.
— Que o profesorado das dez especialidades do corpo específico singular tamén pase ao A1 se ten titulación universitaria.
— Que para o profesorado que non cumpra os requisitos para o paso ao A1 se estableza un complemento de equiparación salarial.
Procesos selectivos e interinidades
Os requisitos para presentarse a oposicións non cambiarán:
- As dez especialidades do corpo singular son as mesmas dez especialidades que agora no corpo de PTFP están incluídas no Anexo VI do RD 276/2007 de ingreso e acceso docente e que poden presentarse con titulacións de técnico superior ou técnico especialista. Isto seguirá así.
- Ao resto de especialidades de PTFP xa se lles pedía diplomatura, enxeñería técnica ou arquitectura técnica. Isto tampouco vai mudar porque pasarán a ser especialidades de secundaria incluídas entre as que permiten presentarse a procesos selectivos con ese mesmo tipo de titulacións e engrosarán as que xa hai recollidas de secundaria nesa mesma normativa de ingreso e acceso aos corpos docentes no Anexo VI.
- Nada na nova lei implica que teñan que modificarse as regulacións de listas de aspirantes a interinidade, de competencia autonómica, nin os requisitos que nelas eximen de titulacións para poder ser contratado como interino/a.