Nota de prensa sobre as modificacións do Real Decreto de Acceso

Publicadas as novas transitorias do RD de ingreso docente para os procesos de estabilización

CCOO fará unha análise xurídica pormenorizada do texto final publicado hoxe en BOE e actuará con todos os medios ao seu alcance para evitar a desorde que se pode producir e para que todas as prazas de concurso-oposición se convoquen polo procedemento da transitoria cuarta.

 

Hoxe publicouse en BOE o Real Decreto 270/2022, de 12 de abril, polo que se modifica o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes ao que se refire a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso ao que se refire a disposición transitoria decimo sétima da citada lei, aprobado por Real Decreto 276/2007, de 23 de febreiro. Regúlanse dous procesos para a estabilización:

 

O primeiro, mediante un sistema de ingreso por concurso-oposición, diríxese a prazas ocupadas por persoal temporal nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020, ás que se engaden as prazas dos procesos de estabilización das leis de Presupostos Xerais do Estado para 2017 e 2018, caso de quedar algunha. E o segundo, mediante concurso excepcional de méritos, regula a convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de duración de prazas ocupadas con carácter temporal con anterioridade ao  1 de xaneiro de 2016.

Para o proceso de estabilización ordinario (concurso-oposición), a fase de oposición constará dunha única proba con dúas partes non eliminatorias. A parte A consiste no desenvolvemento dun tema. A parte B (aptitude pedagóxica) consiste na presentación dunha unidade didáctica da especialidade. Tamén haberá unha proba práctica obrigatoria para especialidades de FP, e a elección das administracións educativas para as restantes especialidades. A cualificación final de ambas partes A e B debe ser de alo menos 5 sobre 10. A cualificación final desta fase de oposición ponderará un 60% na puntuación final do concurso-oposición. A fase de concurso, cun máximo de 10 puntos, ponderará un 40% na puntuación final do concurso oposición: experiencia docente (máximo de 7 puntos, primándose a experiencia na mesma especialidade á que se opta); formación académica (máximo de 2 puntos) e outros méritos (máximo de 1 punto). Dentro de outros méritos valorarase ter superado a fase de oposición na mesma especialidade en procesos selectivos anteriores, e inclúese a formación permanente tamén.

Para o proceso de estabilización extraordinario (só mediante concurso de méritos excepcional por unha soa vez), a puntuación máxima será de 15 puntos repartidos en tres bloques: experiencia docente (máximo de 7 puntos, primándose a experiencia na mesma especialidade á que se opta); formación académica (máximo de 3 puntos) e outros méritos (máximo de 5 puntos, onde se valorará ter superado a fase de oposición na mesma especialidade á que se opta en anteriores procesos selectivos, e tamén a formación permanente). Este proceso, de acordo co ditame do Consello de Estado, so será aplicable á estabilización de prazas ocupadas por persoal interino, sen que afecte ás de reposición ou nova creación.

 

CCOO considera completamente inadecuado que se eliminara no documento final o seguinte parágrafo da disposición transitoria cuarta relativa ao concurso-oposición:

…así como para os procedementos selectivos de ingreso que se convoquen e resolvan durante os anos 2022, 2023 y 2024 para as pazas que non se encontren encadradas na estabilización recollida no artigo 2 da Lei 20/2021 de 28 de decembro…

 

O sindicato considera inaceptable que isto puidera implicar que se usarán tres vías distintas de libre concorrencia para todas as persoas aspirantes (dous concursos-oposición distintos e o de méritos) en lugar de dúas (un só concurso-oposición e o concurso de méritos) como estaba previsto anteriormente.

Este cambio realizouse por sorpresa a ultimísima hora, non se presentou en ningún momento nas negociacións nin en ningún paso anterior da tramitación da norma. Todos os informes previos e a resolución de orientacións da Secretaría de Estado de Función pública deixaban clara a posibilidade de acumular todas as prazas que foran por concurso-oposición nas mesmas convocatorias co mesmo procedemento de libre concorrencia, que é claramente o máis adecuado para o sector docente, tanto para a xestión do proceso como para todas as persoas aspirantes. Ademais, o modelo de concurso-oposición que establece a disposición transitoria cuarta é perfectamente legal e lexítimo para calquera proceso selectivo con calquera tipo de prazas.

O sindicato lamenta que non se incluíran as súas propostas de mellora na mesa sectorial e as súas emendas no Consello Escolar do Estado, que resultaron aprobadas nas votacións nese órgano (consúltaas aquí).

Así mesmo, criticamos que non se tivera en conta a súa iniciativa de simplificar tamén o procedemento de acceso ao corpo de grao superior e de adquisición de novas especialidades para o profesorado funcionario de carreira.

CCOO esixe ao Ministerio de Educación e FP que convoque  con urxencia a mesa sectorial docente para tratar as implicacións das modificacións introducidas a última hora.

A Federación de Enseñanza de CCOO fará unha análise xurídica pormenorizada do texto final publicado hoxe en BOE e actuará con todos os medios a seu alcance para evitar a desorde que se pode producir e para que todas as prazas de concurso-oposición sexan convocadas polo procedemento da transitoria cuarta.