No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria. Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
CALENDARIO ESCOLAR 24/25
Intervención de CCOO Ensino
CCOO manifesta por enésima vez que a orde de calendario escolar que se nos presenta obvia por completo o debate sobre os tempos escolares. Ano tras ano, evítase un debate profundo sobre este tema. Este ano, a pesar de ter a oportunidade de discutir estas cuestións en marzo, recibimos unha vez máis unha proposta clásica que non respecta o equilibrio entre os trimestres. Instamos a abrir un debate para lograr un calendario máis racional, similar ao que xa se iniciou noutras comunidades.
Consellería: A distribución dos trimestres fana os centros educativos
Ademais, propoñemos axustar o calendario para cumprir cos 175 días establecidos pola LOMLOE, retrasando un día o inicio, ao 12 de setembro, ou adiantando un día a finalización, ao 19 de xuño, xa que a proposta da Consellería é de 176 días.
Consellería: Estudarase
Instamos a ampliar o prazo de entrega de programacións (só ata o 20 de setembro na proposta da Administración).
Consellería: Na práctica, existe flexibilidade no prazo de entrega
Demandamos tamén incrementar a oferta de formación sobre a aplicación PROENS, á que o profesorado aínda non está totalmente adaptado.
Consellería: Haberá máis cursos de formación de PROENS para que todo o profesorado que o queira facer teña acceso ao mesmo
Esiximos unha extensión do período de incorporación gradual do alumnado de cuarto de infantil. Entendemos que se está a incumprir a Orde do 30 de maio de 2023 que establece a ordenación e o currículo da educación infantil, que permite unha extensión a todo o mes de setembro. O período de adaptación faise en beneficio do alumnado e nunca debe supeditarse a cuestións de conciliación familiar nin a intereses corporativos.
Consellería: Non hai problema en ampliar uns días, pero non lles parece adecuado estendelo a todo o mes de setembro. Tendo en conta a situación actual, a maioría de nenos e nenas veñen de estar en escolas infantís
No relativo á Formación Profesional, insistimos en que as datas de inicio e finalización do curso deben adaptarse aos requisitos específicos de cada ciclo formativo, tal e como se recollía anteriormente no calendario escolar.
Consellería: Trasládano á Dirección Xeral de FP
Esiximos tamén unha modificación do seguimento das prácticas do alumnado de FP durante o mes de agosto, xa que é o mes de vacacións, cuestión agravada pola implantación do sistema dual en todos os ciclos formativos.
Consellería: Comentarase coa Dirección Xeral de FP
Demandamos tamén que o transporte non afecte á autonomía dos centros de establecer a xornada que decida a comunidade educativa.
Propoñemos incluír no Anexo I, de conmemoracións, unha data importante como é o Día da Clase Obreira Galega (10 de marzo) e tamén enumerar as datas internacionais significativas para o recoñecemento dos dereitos LGTBIQ+, evitando a súa invisibilización.
Consellería: O Anexo I inclúe datas estritamente orientativas
CONCURSO DE DIRECCIÓNS
Intervención de CCOO Ensino
En primeiro lugar, e sabendo que non se pode modificar na Orde nin no Decreto, queremos deixar constancia de que as Comisións Obreiras seguimos demandando que a elección da dirección dos centros debería recaer no Consello Escolar, máximo órgano no que está representado toda a comunidade educativa. Tamén consideramos que se debe modificar o sistema de nomeamento das direccións dos CIFP para que sexa democrática.
En segundo lugar, demandamos modificacións para ampliar o espectro de posibles candidatos/as, eliminando a esixencia da formación previa sobre a función directiva, xa que a LOMLOE establece, no artigo 135.6, que esta formación pode realizarse despois de superar o concurso de méritos.
No artigo 2.d) consideramos que deberían incluírse como posibles aspirantes:
- aqueles/as docentes que están en comisión de servizos noutra comunidade autónoma e
- os/as docentes que están no último ano dunha praza do estranxeiro e reingresarán nun centro da Comunidade Autónoma
No artigo 3.3 establécese que o horario para consultar os proxectos de dirección fíxao a Dirección do centro. Entendemos que deben establecerse garantías para que o proxecto sexa o máis accesible posible, polo que propoñemos estender o horario ao de apertura do centro.
Neste mesmo artigo, tamén consideramos que o anuncio do prazo e horario para ver os proxectos non debe estar só no taboleiro de anuncios da sala de profesorado, senón tamén nos taboleiros de anuncios do centro, pois é de interese para todos os membros da comunidade educativa.
No artigo 7.5, entendemos que a cualificación outorgada polos membros da comisión debe ser por escrito e secreta.
O artigo 11 establece o nomeamento extraordinario, por dous anos, no suposto de ausencia de persoas candidatas. Propoñemos engadir a posibilidade de elixir, ao cabo dun curso, a unha nova dirección, se é que nese momento existise algunha candidatura e a Dirección nomeada expresara a vontade de non continuar no seu posto.
Por último, é necesaria unha solución aos casos de baixas prolongadas dos directores/as ou membros do equipo directivo. Debe nomearse outra persoa con carácter accidental, con recoñecementos económicos e administrativos.
Tamén consideramos que hai que buscar solución ao dereito a permisos e licenzas e baixas de escasa duración dos e das responsables de centros en unitarias.
Con respecto ao baremo, esiximos incluír de forma específica o mestrado de Dirección. Demandamos valorar os cursos relacionados coa prevención de riscos laborais.
Tamén no baremo, na disposición complementaria única, reclamamos que a valoración do proxecto de dirección se recolla nunha verdadeira rúbrica de corrección e non de forma tan simple e xenérica como aparece no borrador.
Consellería: Establecerase unha rúbrica respetando a puntuación e que figure na orde, para que todas as persoas interesadas saiban como se vai avaliar o proceso.
PLAN DE IGUALDADE DA CONSELLERÍA
Intervención de CCOO Ensino
Celebramos que, tras solicitar esta negociación sistematicamente nos últimos anos, a Administración se decida por fin a abordar este tema tan importante, aínda que lamentamos a tardanza.
Esiximos á Administración que constitúa no menor prazo posible a comisión negociadora, con presenza das organizacións sindicais da Mesa Sectorial. Subliñamos a importancia do seguimento e da avaliación continua deste plan.
Consellería: Vaise establecer a comisión para fixar o punto de partida e as bases do plan de Igualdade.
ROGOS E PREGUNTAS
Asuntos varios
Solicitamos información sobre a data de publicación da resolución definitiva do concurso xeral de traslados e dos concursos específicos de adultos e de orientación.
Consellería: No DOG vai ser imposible que estea publicado antes de Semana Santa. Publicarase, previsiblemente, despois.
Prevese unha corrección de erros das vacantes.
Instamos á Administración a que nos confirme se ten previsto convocar este curso concurso de atención preferente, que o ano pasado non foi convocado.
Consellería: Confírmase que está previsto convocar concurso de atención preferente.
Demandamos información sobre se se está a dar resposta ás reivindicacións do persoal docente das Aulas Hospitalarias, que reclama: incremento de dotación e recursos humanos e materiais, recoñecemento como postos de especial dificultade, etc.
Consellería: Sen información.
Demandamos unha resposta sobre a situación dos boletíns de notas de Infantil, despois dos problemas no primeiro trimestre.
Consellería: Amtega non foi quen de facer as correccións para este trimestre.
Para a configuración do boletín permitirase que se adapten os criterios á situación concreta. Con respecto á avaliación, a valoración da área cárgase en todos os criterios, aínda que despois se poida adaptar. Para o vindeiro curso, publicaranse modelos de programacións e modelos de subcriterios para vincular con cada criterio.
Ante o retraso no cobro de novos sexenios e trienios polo persoal docente, acumulándose retrasos de ata seis meses no ingreso en nómina, esiximos que se dea unha solución á maior brevedade.
Consellería: Están solucionando este problema. Non poden dicir en qué mes será efectivo, pero están traballando niso.
Solicitamos a apertura de listas de Audición e Linguaxe, xa que na actualidade só quedan 65 persoas “libres” en listas.
Consellería: Será tido en conta.
En canto ás cuestións pendentes da mesa sectorial anterior, sobre a convocatoria PIALE:
Consellería: A comisión establecerá os criterios obxectivos para os motivos de renuncia. Farase unha formación para a proposta didáctica. Para a próxima convocatoria darase máis peso ás persoas que nunca participaron.