Concentración en Santiago de Compostela por un convenio digno no sector da discapacidade

CCOO convocou este martes unha concentración en toda España (en Galicia, en Santiago de Compostela) para denunciar a actitude inmobilista das patronais do sector e a falta de resposta ás propostas formuladas na negociación do XVI Convenio Colectivo de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade. Case tres anos despois de iniciadas as negociacións, estas continúan en punto morto.

A negativa sistemática das organizacións patronais presentes na Mesa Negociadora a cumpriren co disposto no artigo 32.1 do Convenio Colectivo sobre a revisión salarial que se acordou para 2022 obrigou a Federación de Ensino de CCOO a interpoñer conflito colectivo ante a Audiencia Nacional e a convocar mobilizacións no sector durante o último trimestre dese ano, coincidindo coas negociacións do XVI Convenio Colectivo.

A sentenza da Audiencia Nacional estimou totalmente as pretensións do sindicato, recoñecendo o dereito do persoal que presta servizos nos centros de atención especializada e nos centros especiais de emprego, incluídos no ámbito funcional do convenio colectivo, á revisión dos salarios nos termos indicados no citado artigo. A decisión supuxo un pao á actitude inmobilista e belixerante das patronais do sector e a súa aposta por pasar polos tribunais, obrigándoos a efectuar as actuacións precisas para a actualización das táboas salariais.

Despois de máis dun ano de negociacións desde a sentenza, a patronal volve bloquear a negociación do resto de condicións laborais coa mesma actitude e intransixencia de entón. Nun sector de marcado carácter social, no que as persoas traballadoras, formadas e cualificadas, representan o maior valor que teñen as entidades, as que permiten visibilizar o sector da discapacidade na sociedade e sobre as que pivota o principal apoio con que contan as persoas usuarias, o sindicato chama á mobilización ante a falta de avances na mellora das condicións laborais das máis de 200 000 persoas traballadoras ás que dá cobertura o convenio colectivo.

As organizacións patronais alardean do seu compromiso coa creación dun marco de relacións laborais xusto que lles permita aos e ás profesionais do sector traballar nun contexto de recoñecemento e calidade adecuados, que redunde na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

Pero a realidade é que as condicións laborais actuais non se axustan nin ao compromiso, nin á calidade, nin ao recoñecemento do esforzo que realizan as persoas traballadoras nos seus centros. A elevada rotación de persoal nas empresas e entidades do sector, xunto coa falta de profesionais en determinados postos de traballo, por mor dos baixos salarios e a precariedade do resto de condicións, non parecen ser motivos suficientes para que as patronais fagan unha aposta inequívoca en defensa do sector.

CCOO vai ser moi belixerante se o modelo de emprego que propoñen pretende pivotar sobre a precariedade laboral e avisa de que, se a situación actual se estanca, o conflito trasladarase aos centros de traballo.