Máis contas e menos contos!

É perfectamente lexítimo que calquera organización sindical convoque mobilizacións, folga ou o que considere oportuno. O que non é lexítimo é que engane ao profesorado.

A CIG oculta que non fixo ningunha proposta na negociación das mesas sectoriais que tiveron lugar os días 2 e 4 de outubro de 2023 (poden verse as actas). E na mesa sectorial do día 6 explicou que eles optarían por un incremento retributivo lineal pero sen facer contrapropostas á presentada pola Consellería de Educación (15 % de incremento en 3 anos nos sexenios e 45 euros de incremento para cargos directivos). Lamentable!

Igualmente lamentable é a linguaxe bélica utilizada para descualificar a outras organizacións sindicais coas que non están de acordo. Pero máis lamentable é que agora presenten unhas contas falseadas. Na súa proposta non apareceu por ningures o incremento no complemento da función titorial e outras funcións docentes, polo que incorporala agora na súa “proposta” lineal é miserable. Ao igual que contabilizar outras melloras acadadas na negociación sen a súa intervención, como o incremento do 15 % ao 20 % nos sexenios e a diferenza de 45 a 60 euros no complemento polo desempeño de órganos unipersoais, sen telo proposto antes.

Botemos contas… temos que traballar cun mínimo marxe de erro porque non sabemos cal será a suba salarial para o ano 2025. Por outra banda, cos últimos datos do Ministerio sobre número de profesorado público en Galicia, hai sobre 34000 docentes tendo en conta a funcionarios de carreira, laborais e persoal interino e substituto.

Tendo en conta isto, o incremento do complemento de función titorial e outras funcións docentes ascende a 10,44 €. O cálculo é sinxelo; basta con coller a contía final dese concepto económico en 2023 (CCOO aplica o incremento do 3,5 % previsible para este exercicio) e aplicarlle a suba fixa que haberá en 2024 dun 2 % e sobre esa cantidade, calcular o 20 % de incremento.

O incremento lineal que correspondería do reparto dos 60 euros mensuais do complemento por desempeño de órganos unipersoais non podemos calculalo con exactitude, porque non temos o número exacto de profesorado que cobrará este concepto. Pero podemos facer un cálculo moi aproximado se consideramos que vai aplicárselle a uns 3400 docentes, unha décima parte do profesorado, polo que o reparto lineal sería de 6 euros mensuais.

O incremento do 20 % nos sexenios podemos calculalo acudindo aos datos que son públicos na Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia. Non hai máis que coller a masa salarial anual dedicada a este concepto e calcular o 20 %. Temos así o incremento total que dividido entre 14 pagas e repartido linealmente entre uns 34.000 docentes (aínda que podería ser algún máis) danos unha cantidade de 38,42 euros; cantidade moito máis baixa da que publica esa organización na súa “proposta”, por chamala dalgunha forma.

A única diferenza realmente significativa nas cifras está no reparto lineal dos sexenios. Pero é que a desviación entre uns e outros cálculos vaise por riba do 50%, aí é nada! Debemos lembrar que os sexenios son un concepto vencellado á formación permanente do profesorado e á súa antigüidade, co que repartilo de forma lineal ou non lineal non ten efecto no que todas e todos imos cobrar ao final da nosa vida laboral.

Os datos son estes e CCOO si que explica de onde saen os números. Ademais, a repercusión para cada persoa, dependendo da súa situación, pode verse nas seguintes táboas. Así que… 

MÁIS CONTAS E MENOS CONTOS!

Podes descargar o InfórmaTE con toda esta información