CCOO Ensino, primeira forza sindical do SUG, representada pola súa secretaria xeral, reuniuse co reitor da UDC para solicitar unha revisión do Acordo sobre persoal de proxectos e convenios de 2014.
CCOO lembra que a este importante colectivo se lle negaron dereitos básicos. Parte del nin sequera ten representación sindical, como CCOO lle lembrou ao reitor, nin contan cun convenio colectivo.
Así, o vicerreitor de Investigación e Transferencia convocou o 17 de decembro as forzas sindicais da UDC para abordar a revisión do Acordo sobre clasificación profesional, condicións de traballo e marco de referencia da representación laboral do persoal contratado con cargo a proxectos e convenios de I+D+i financiados a través do capítulo VI dos orzamentos da UDC.
Desde CCOO alegrámonos deste primeiro paso do reitorado, na liña do pedido polo noso sindicato.
Na reunión do día 17 co vicerreitor de investigación, houbo un principio de acordo sobre as condicións de traballo deste persoal e emprazámonos a unha próxima reunión en xaneiro.
Con todo, as posturas sobre a representación sindical deste colectivo están moi afastadas. Ademais, o vicerreitor de investigación manifestou non querer un convenio colectivo propio para o persoal que non o ten. CCOO fará pedagoxía, porque hai cuestións ás que obriga a lei.
CCOO entende que calquera acordo sobre representación legal:
- Debe cumprir as sentenzas xudiciais sobre a representatividade de parte deste persoal.
- Debe ser negociado cos lexítimos representantes das organizacións sindicais, como obrigan o Estatuto dos Traballadores e o Estatuto Básico do Empregado Público.
Lembramos que CCOO propuxo incluír o persoal de proxectos e convenios nos dous convenios colectivos de PDIL, como xa ocorre noutras CCAA. Isto non foi posible polo VOTO EN CONTRA DO RESTO DE SINDICATOS.
Ademais, nas últimas eleccións sindicais, CCOO foi o único sindicato que defendeu que todo o persoal de proxectos e convenios votase co PDI, como xa se puido facer noutras eleccións anteriores. O RESTO DE SINDICATOS TOMARON POSTURA EN CONTRA.
CCOO aínda está a esperar a listaxe deste persoal, que o reitor se comprometeu a proporcionar. Non podemos acometer unha negociación sen coñecer as características do persoal afectado, e esta listaxe é a ferramenta básica para poder facelo.
Con todo, en CCOO estamos satisfeitos de que se atenda a nosa solicitude de negociación das condicións do persoal de proxectos e convenios.