As organizacións sindicais CCOO, CIG-Ensino, UGT Servizos Públicos, SNEP de G e USO denuncian o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, e convocan mobilizacións na segunda quincena do mes de xuño en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.
O día 29 convócase unha xornada de folga para todo o sector das escolas infantís, cunha manifestación en Santiago de Compostela.
As organizacións sindicais esixen un cambio de rumbo das patronais, que garantan o futuro do sector e recoñezan o labor socioeducativo das traballadoras. Demandan medidas para asegurar unha situación laboral digna e xusta, e chaman á negociación xusta e construtiva por parte das patronais.