CCOO denuncia o dobre xogo da patronal da concertada e dos sindicatos afíns

En CCOO recibimos atónitos a noticia da mobilización por parte de Escolas Católicas  para o próximo día 29, instando aos centros, en colaboración cos «seus sindicalistas», á realización dun «acto de protesta» polo peche de unidades no ensino concertado.

Queremos lembrar que a oportunidade de mudar esta situación estivo nas nosas mans na Mesa Tripartita celebrada hai uns días. Foi alí onde CCOO protestou. A patronal, FSIE e USO asinaron e alardearon do conseguido.

PROTESTA é traballar e presentar medidas que si manteñan os nosos postos de traballo.

PROTESTA é non conformase nin asumir acordos inútiles baixo a premisa de «algo é algo, mellor isto que nada».

PROTESTA é non asinar un mal chamado «acordo de mantemento de emprego» que só leva á deriva na que nos atopamos: o peche de catorce unidades e a conseguinte perda de postos de traballo.

PROTESTA é non valorar positivamente un acordo no que as persoas traballadoras non teñen garantías para manter o seu posto de traballo.

PROTESTA é dicir BASTA aos recortes e á perda de dereitos.

PROTESTA é saír á rúa e facernos valer, como fixemos en maio ás portas da Consellería, en vez de sacar fotos ás portas dos colexios despois de asinar un acordo que non serve PARA NADA.

CCOO protesta e seguirá protestando nos foros onde debe facelo, coa determinación e a forza que os traballadores e traballadoras nos proporcionedes.