Na actual situación de pandemia a saúde dos cidadáns ten que ser o elemento sobre o que pivote o retorno ás actividades en todos os sectores pero iso parece que se lle esqueceu a Conselleira de Educación. No momento da suposta volta á normalidade a planificación da actividade nas escolas de Galicia adoece de todo agás de improvisación. A constante presenza da Conselleira nos medios de comunicación tentando convencer á comunidade educativa da seguridade nas escolas de Galicia non é máis que unha mostra da inseguridade que se intenta disfrazar de razón.
É incuestionable que a implantación dun protocolo conta coa oposición da comunidade educativa tal e como se viu nas últimas mobilizacións. Coincidimos coa Conselleira en que “As persoas adultas temos a responsabilidade de transmitirlles seguridade” ao alumnado, pero para transmitir seguridade aos cativos previamente hai que poñer todos os medios posibles para garantir a súa saúde na escola; o dereito á educación non pode primar sobre o dereito á saúde, sobre todo porque se non hai saúde, non pode haber educación
No artigo que a Conselleira titula “Emoción e razón” a autora fai “terrorismo emocional” erixindose na voz da rapazada e obviando ás súas familias. Coincidimos coa necesidade da volta á escola, pero iso é imposible a custe cero.
Parece que ninguén cuestiona que haxa que garantir un escenario saudable segundo as normas das autoridades sanitarias, pero a comprensión das normas da Conselleira debe ser outra cando no protocolo publicado non segue as recomendacións de distancia do Ministerio de Sanidade e da propia OMS. Mentres estes organismos recomendan distancias de alomenos 1,5 m en Galicia establécese a distancia de seguranza en 1m de centro de cadeira a centro de cadeira, o que na práctica supón, sendo moi xenerosos, unha distancia de 70 cm. Para asegurar as distancias é imprescindible a redución de rateos e no caso de non haber os espazos necesarios, establecer outras medidas organizativas. Tempo houbo para planificalo.
A Conselleira minte cando pretende vendernos que o alumnado se organizará en grupos burbulla. O efecto buscado desparece cando se transporta a diferentes aulas no mesmo autobús e cando este alumnado fóra do centro vaise relacionar incluso con alumnado doutros centros.
A desinfección de materiais e espazos é especialmente importante. Por este motivo non se pode entender que non se aborde o incremento dos cadros de persoal de limpeza. A consecuencia é sobresaturar aos e ás traballadoras deste sector e a obriga de usar material de desinfección polo alumnado e profesorado cando non están formados para a súa utilización. De novo atopámonos coa premisa de partida : custe cero.
A Consellería, en declaracións á prensa realizadas nos últimos días, gábase da contratación de novo profesorado para permitir o desdobramento de aulas. Nada máis lonxe da realidade, simplemente estamos diante dunha mostra máis da campaña de propaganda que se leva facendo dende o inicio da crise sanitaria. A contratación deste profesorado é exclusivamente para cumprir as ratios legais establecidas de 25 alumnos en Infantil e Primaria.
A dotación de profesorado é a todas luces insuficiente, e será imposible o desdobre de aulas e a implementación doutras medidas de seguridade.Apóstase pola precariedade usandos contratos a media xornada e a fórmula dos contratos programa xa usada en anos anteriores, nos que a única novidade ao respecto é que a atención ao alumnado será no horario lectivo.
Canta hipocresía na propaganda que nos lanza a Conselleira: “ Levamos décadas traballando a prol dunha educación menos ríxida, menos cuantitativa, menos mecanicista. Anos cheos de formación en aprendizaxe cooperativa, en traballo por proxectos, en enriquecemento curricular”. Non comprendemos como se poden compaxinar estas premisas coas declaración feitas polo seu Secretario Xeral Técnico uns días antes afirmando que non era o mesmo “10 persoas disfrutando do ocio nocturno que 25 alumnos sentados, mirando cara adiante e atendendo” . Dous conceptos da educación incompatibles.
Cando a máxima autoridade educativa afirma que “o profesorado vai dispoñer dun amplo plan de formación centrado no ensino mixto e na integración pedagóxica das ferramentas tecnolóxicas” podería parecer que esta contemplada un escenario de volta as aulas de forma mixta, o que parece ser moi probable. Nada máis lonxe da realidade, a oferta limítase a un simple curso en setembro e no protocolo non hai máis que una lixeira mención a este escenario. Queremos recordar que desde a organización que dirixo xa no mes de maio se trasladou un informe sobre o que era necesario para desenvolver un escenario de ensino semipresencial. Como sempre a Consellería deu a calada por resposta e a día de hoxe non se implementaron as medidas necesarias para o mesmo. Unha vez máis un tempo de planificación preciosamente perdido.
Con todo isto queda claro que para a Conselleira prima a razón do custe cero e a improvisación sobre a emoción. A volta ás aulas é fundamental e o risco cero non existe, pero hai que aprender de todos estes meses e tal e como escribiu Charles Dickens, “Era o mellor dos tempos, era o peor dos tempos…” pero esta adminstración e especialmente a Conselleira parece anclada no peor dos tempos pasados e só fai uso do autobombo e a manipulación de datos e emocións.

