Na Europa dos últimos anos, tras a crise económica, asistimos a un panorama de recortes e perdas de dereitos que, unido a fenómenos como o avance electoral da ultradereita ou o brexit, constitúe un terreo fértil no que xermolan con éxito as proclamas xenófobas, racistas e machistas que dividen a clase traballadora segundo a súa nacionalidade, crenza, xénero, idade ou orientación sexual.
A desesperación na busca dun emprego ou o medo a perdelo desvía a atención das condicións de traballo e achaia o camiño para as desigualdades. A imposición dunhas condicións de traballo máis desfavorables para un colectivo concreto non só é unha inxustiza, senón que constitúe un precedente que, ao cabo, esténdese ao resto das persoas traballadoras. E cando a perda de dereitos afecta a protección da saúde e a seguridade no traballo, convértese nun risco para a saúde de todas e todos.
No ámbito laboral, a precariedade é a maneira máis habitual de discriminar. A precariedade converteuse no modelo principal de inserción no emprego, e os colectivos que se viron obrigados a pasar polo seu filtro son os que manteñen peores condicións e, polo tanto, os que teñen maiores riscos de sufrir danos derivados do traballo, sexan accidentes de traballo ou enfermidades profesionais. Mulleres, migrantes, xente moza e, en xeral, os colectivos máis vulnerables son discriminados á hora de accederen a un posto de traballo, o que os aboca a ocupar aqueles empregos que acumulan maiores taxas de temporalidade e parcialidade e, pola súa vez, relacionados con maiores índices de sinistralidade.