Ao ter coñecemento da posibilidade de que a Consellería de Educación non convoque este ano o concurso de atención preferente, desde CCOO Ensino dirixímonos de inmediato á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para reclamar que se proceda á súa convocatoria. Consideramos que non facelo suporía unha grave regresión na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Estas son as razóns que sustentan a nosa demanda:
- Existencia de novas necesidades educativas: cada curso escolar xorden novos casos de alumnado que require unha atención especializada. O concurso de atención preferente foi concibido precisamente para dar resposta a estas situacións específicas, polo que é imprescindible que se convoque para garantir unha atención axeitada dende o inicio do curso.
- Necesidade de persoal formado: a atención a este alumnado debe ser realizada por profesionais con formación específica en necesidades educativas especiais (NEE) concretas, como por exemplo: transtornos graves de conduta, transtorno do espectro do autismo, discapacidade motora, discapacidade sensorial (hipoacusia), discapacidade sensoria visual, discapacidade intelectual, altas capacidades, pluridiscapacidade, etc.
Sen concurso, estas prazas poderían ser ocupadas por persoal do CADP sen a formación axeitada, o que compromete a calidade da atención. - Cobertura inadecuada das vacantes non renovadas: do mesmo xeito, as prazas de atención preferente non renovadas durante o proceso actual —por decisión das persoas que as ocupaban— poderían ser cubertas por profesorado sen a preparación necesaria, o que supón un retroceso na equidade e na calidade educativa.
- Precedentes negativos: o curso pasado cubríronse 30 vacantes de atención preferente con persoas que, potencialmente, non contaban coa formación especializada necesaria. Esta situación puido repercutir negativamente na calidade da atención ao alumnado e incrementar a carga de traballo dos equipos docentes.
- Indefensión xurídica nas renovacións excepcionais: as comisións de servizo de atención preferente teñen un límite de seis anos. Permitir unha sétima renovación sen cobertura normativa clara introduce inseguridade xurídica tanto para a Administración como para o persoal afectado.
A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos comprometeuse a estudar a situación e a valorar se finalmente se convocará o concurso de atención preferente para o vindeiro curso. Desde CCOO Ensino estaremos pendentes desta decisión e seguiremos esixindo que se garanta unha resposta adecuada ás necesidades do alumnado.
Concurso para casos puntuais, non estruturais
Reivindicamos que este concurso debe estar dirixido a casos moi específicos e extremos. A solución estrutural pasa por aumentar nos catálogos dos centros as prazas de atención á diversidade. Así o manifestamos en anos anteriores: a atención preferente non pode suplir a creación de prazas estables onde existe unha necesidade recorrente.
Por todo isto, esiximos que a Consellería convoque canto antes o concurso de atención preferente. Desde CCOO Ensino seguiremos loitando para que o sistema educativo galego dispoña dos recursos humanos necesarios para garantir a atención inclusiva e especializada que require o noso alumnado.

