Mesa Sectorial sobre o programa PIALE do ano 2024

Coñece toda a información relacionada coa Mesa Sectorial celebrada no día de hoxe e na que se negociou a orde de convocatoria do programa PIALE para o ano 2024.

PIALE 2024

DATAS DE RELEVANCIA:

  • Prazo de presentación de solicitudes: do 28 de febreiro ao 19 de marzo, ambos incluídos

Trasladamos á Administración a nosa preocupación polo proceder con esta convocatoria nos últimos anos. Como xa ocorrera en 2022, a orde de PIALE publicouse en DOG sen pasar preceptivamente como procede pola Mesa Sectorial. Gustaríanos que conste en acta que se hoxe estamos aquí, non foi pola vontade negociadora da Dirección Xeral, senón pola denuncia sindical desta situación.

Agradecemos a rectificación e que se procedera a convocar á Mesa Sectorial, tras a denuncia sindical. 

Ademais, demandamos a publicación dunha nova orde que saia do proceso negociador e que substitúa á publicada o día 27 de febreiro en DOG, abríndose, por suposto, un novo prazo de quince días hábiles. Do mesmo xeito, demandamos que se teñan por presentadas as solicitudes que xa tiveran entrado por rexistro.

Consellería: opta pola vía da corrección de erros e non por publicar unha nova orde. Na mesa sectorial da semana próxima informarán das modificacións que se van realizar.

Tamén queremos deixar patente a nosa inquedanza polo alto número de queixas trasladadas polo profesorado participante no programa PIALE do ano 2023 e demandamos da Consellería unha maior dilixencia á hora de vixiar o desenvolvemento do mesmo polas empresas adxudicatarias e o establecemento das medidas oportunas para que non se reproduzan estas situacións na execución do programa este ano 2024.

Consellería: recoñecen a necesidade de estar máis vixiantes ante estas incidencias, insisten no feito de que no curso pasado participaron empresas novas que non tiñan participado en anos anteriores e aclaran que mobilizaron persoal da Consellería para estudar as condicións de viabilidade para desenvolver o programa nos destinos ofertados.

O aspecto principal a denunciar na orde deste ano son os recortes, en catro aspectos principalmente:

  1. No investimento, cun recorte superior aos 120 000 euros. Solicitamos un incremento no investimento para que supere ao do curso anterior, e máis tendo en conta o contexto da situación de inflación actual, que encarece o prezo das actividades. Este aspecto xa foi criticado pola nosa organización o curso pasado. 
  2. No número de prazas na modalidade de integración en Canadá, Francia ou Portugal, xa que a orde constata o recorte en 78 prazas nesta modalidade con respecto ao pasado, de 130 a tan só 52 prazas na orde deste ano. Instamos a que se incrementen estas prazas, polo menos igualando as do ano pasado.
    • Redúcense prazas na modalidade 1 pero tamén se aumentan na modalidade 2, aumentando o número de prazas total ofertado no programa.
  3. En actividades, xa que se elimina a actividade de integración do profesorado de EOI. Non é comprensible que o profesorado que se encargan de formar nas EOI á maioría dos profesores que logo imparten CLIL na ESO e no Bacharelato, queden  fóra desta modalidade.  Ata hai dous anos, este profesorado podía solicitar dúas actividades desta modalidade de integración. O ano pasado reducírono a unha. E este ano, xa ningunha. Esiximos que se inclúa a este profesorado nesta modalidade.
    • Pola particularidade do ensino nas EOI en España, non lles ofrecen centros con características análogas e o aproveitamento da actividade ao realizarse en centros de secundaria non é satisfactorio.
  4. Nos colectivos a que van dirixidas as actividades, xa que a orde deste ano elimina a posibilidade de que o profesorado que non imparta en seccións bilingües ou sexa especialista de lingua correspondente poida acceder ás modalidades de integración, ainda que estea en posesión dun B2. Nas ordes de anos anteriores este colectivo podía participar achegando un anexo cun compromiso co centro educativo de crear/continuar seccións bilingües e/ou plurilingües ou impartir a súa materia na lingua correspondente no curso seguinte. Tendo en conta isto, solicitamos tamén que se abra a posibilidade de optar con nivel B1 no caso de quedar prazas disponibles.  Instamos a que se reincorporen como posibles beneficiarios de actividades da modalidade de integración ao profesorado que teña un B2 en idioma estranxeiro a pesar de non ser profesorado CLIL ou especialista.
    • Estas actividades teñen pouco proveito para persoas cun nivel de competencia en idiomas baixo.
  • Denunciamos que existe unha descompensación evidente dependendo do idioma, xa que a maior porcentaxe das prazas e actividades corresponden ao idioma inglés. Entendemos que hai que facer o esforzo noutros idiomas e aumentar o número de actividades de idiomas portugués, francés e alemán. Ademais, solicitamos a extensión de prazas a idioma italiano, tanto para profesorado de EOI, como para profesorado de secundaria, xa que se está a impartir como materia optativa en diferentes IES.
    • Hai poucas solicitudes para estas actividades e hai problemas de licitación coas empresas que levan a cabo as actividades. Portugal adoita quedar deserto: as empresas non ofrecen destinos en Portugal. Co italiano pasa algo parecido. Pouco profesorado italiano e poucas posibilidades de licitar de maneira satisfactoria en Italia. O máis demandado é o inglés, e é onde quedan solicitudes sen cubrir.
  • Consideramos que deberían ser tres, e non cinco, as convocatorias nas que non poderá participar o profesorado que renuncie sen causa xustificada ou teña avaliación negativa.
    • As renuncias no último momento fannos incorrer en custos adicionais que hai que sufragar con diñeiro público que podería utilizarse para outras persoas. Que haxa unha consecuencia grave desincentiva esta situación.
  • Solicitamos que se incorpore na orde da convocatoria que participar no programa PIALE sexa unha causa de suplencia válida no caso de selección para formar parte dun tribunal de oposicións.
    • Acéptase a demanda.
  • Demandamos que, de non cubrirse a totalidade das prazas nalgunha das modalidades, as vacantes deberían acumularse obrigatoriamente a outras modalidades, en base a uns criterios mínimos previamente establecidos.
    • Consultarase como é a mellor forma de incorporar nestes casos a escoita previa da Comisión de Avaliación pola persoa responsable da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Neste caso xa non sería preciso incorporar criterios prefixados na orde.

Rogos e preguntas

  • Volvemos a esixir, por enésima vez e aproveitando a presenza da Directora Xeral de Innovación e Ordenación Educativa, que urxe que a Administración abra un proceso de negociación de actualización dos Regulamentos Orgánicos de Centro, que datan xa do século pasado.
    • Están traballando niso. Hai vontade de facer unha revisión desta normativa. Estimación: para o vindeiro curso.
  • Ante a proximidade da fin do segundo trimestre, esiximos que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa tome as medidas oportunas para evitar as situacións acontecidas no primeiro trimestre en canto ao boletín de notas dos alumnos/as de educación infantil.
    • Está en proceso. Non vai dar tempo para o segundo trimestre. Considerarán enviar unha instrución previa similar á que se enviou no primeiro trimestre.
  • A Administración aínda non pasou por Mesa, como prometía, o proxecto de Plan de Igualdade da Consellería de Educación. Urxe comezar a negociación canto antes, xa que a Administración está incumplindo coa legalidade.
    • Trasladarano á Dirección Xeral correspondente para poder tratarse na seguinte Mesa Sectorial.
  • Demandamos a presenza da Directora Xeral de Formación Profesional na seguinte Mesa Sectorial para poder coñecer a situación actual da planificación da Formación Profesional para o curso que vén en Galicia, xa que a nivel do Ministerio aínda está aberto ata o 19 de marzo o prazo de participación pública nas ordes que regulan aspectos organizativos dos currículos dos distintos graos formativos de distintos niveis. A Administración (en xeral) vai moi tarde neste ámbito e a preocupación entre o profesorado e os equipos directivos a menos de 6 meses do inicio do novo curso, é moi alta.
    • Trasladarase á Dirección Xeral correspondente.