No día de hoxe, 20 de decembro de 2024, tivo lugar na sede central de MUFACE unha reunión extraordinaria do Consello Xeral de MUFACE, que estivo presidida pola secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli. Como único punto da orde do día, información sobre o concerto de asistencia sanitaria de MUFACE 2025-2027.
A secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli, intervén ofrecendo información que xa coñecemos polos medios de comunicación sobre a autorización do Consello de Ministros á licitación do concerto de MUFACE para os anos 2025, 2026 e 2027, polo que se ofrece cobertura sanitaria a través de aseguradoras a parte dos funcionarios que prestan servizos en España e en 123 países.
Entre outros datos, trasládasenos que a contía total da contratación para a asistencia sanitaria dos mutualistas en España ascende a 4.478 millóns de euros, 957 millóns de euros máis que o concerto vixente. O custo por ano será de 1.303 millóns de euros en 2025, 1.490 millóns euros en 2026, e 1.685 millóns de euros en 2027. En total, 4.478 millóns de euros, o que supón un aumento da prima do 33,5 % en tres anos. En canto ao Concerto para a asistencia sanitaria no exterior, o orzamento ascende a 77,7 millóns de euros.
Novidades importantes:
- A nova licitación vaise presentar hoxe mesmo.
- Hai 25 días naturais para que se fagan as ofertas. Remataría o prazo o 14 de xaneiro.
- Todo o proceso remataría a principios de febreiro, pois tras o 14 de xaneiro, comezaría o estudo da Mesa de Contratación.
- A licitación irá acompañada dunha orde de prórroga de atención sanitaria nas mesmas condicións actuais ata o final do proceso, como así se establece na Lei de Contratos do Sector Público.
- Xaneiro seguirá como mes para cambio de entidade, nesta ocasión só para optar pola Seguridade Social.
- Abrirase outro prazo para cambio de entidade cando remate o proceso (posiblemente en marzo), pero xa non será posible a opción de cambio á Seguridade Social neste prazo, pois xa o houbo en xaneiro.
- E, igualmente, e como reivindicamos sempre desde CCOO, ábrese en xuño outro prazo de cambio. É dicir, teremos, 2 posibilidades de cambio de entidade no próximo concerto 2025-2027.
- Ante a nosa pregunta sobre escenarios de futuro no caso de que volva quedar deserta a licitación, responden: “non se concibe que esta licitación quede deserta”.
Finamente, desde CCOO volvemos a insistir en que para nosa Organización, e unha vez conseguido o desexado acordo, será imprescindible abrir un espazo de reflexión para garantir a futuro a asistencia sanitaria de funcionarias e funcionarios públicos, que non poden verse sometidos cada dous ou tres anos a esta incerteza.