CCOO urxe o Ministerio a negociar a situación do profesorado técnico de FP tras a aprobación da LOMLOE

O 22 de xaneiro recibiuse unha comunicación por parte do Ministerio de Educación e Formación Profesional sobre a situación do profesorado técnico de FP tras a aprobación da  LOMLOE.

Esta comunicación dáse despois de ter solicitada unha reunión urxente da Mesa Sectorial do Estado para negociar todos os aspectos da  LOMLOE que afectan o profesorado.

Antes da aprobación da LOMLOE, a Federación de Ensino de CCOO xa reclamou vontade política para abordar a situación do profesorado técnico de FP.

O escrito remitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional recoñece no seu punto 2 que a Lei (LOMLOE) non entra a "fixar as condicións do profesorado nos procesos de ingreso, acceso ou permanencia, que serán obxecto dunha Mesa de Persoal, tanto no nivel estatal como autonómico, así como de desenvolvementos posteriores que garantan os dereitos de todo o profesorado" pero non avanza na resolución das dúbidas que se lle presentan ao colectivo sobre quen e como poderá acceder ao corpo de PES e a situación do actual corpo para extinguir de PTFP segundo a LOMLOE.

Aínda que o escrito pode chamar á tranquilidade no que se refire ao persoal interino, así como a descartar a intención do Ministerio de Educación e Formación Profesional de prescindir das figuras do persoal técnico superior para a docencia, non hai proposta de actuación, polo que o documento non aclara nada.

Sendo a mellora das condicións laborais do persoal de FP unha reivindicación de CCOO desde hai anos, a solución proposta non foi en ningún momento a da supresión dun corpo, cuns profesionais que desempeñan un labor fundamental para o sistema educativo na docencia das súas familias profesionais e, polo tanto, incuestionable para unha FP de calidade. 

A Federación de Ensino transmitiulle ao MEFP as distintas situacións e casuísticas que se detectaron, así como a necesidade de abordar este tema baixo a premisa de que ninguén poida verse prexudicado nin pola perda de condicións laborais nin pola demora en adquirir a nova situación de pertenza ao corpo A1. Fai falta un desenvolvemento claro, áxil e garantista para todo o profesorado.

Do mesmo xeito que manifestamos durante a tramitación da LOMLOE, é necesario que a proposta do Ministerio de Educación e Formación Profesional inclúa as seguintes cuestións:

  • Que o paso de todo o profesorado técnico de FP con titulación universitaria ao corpo A1 poida xestionarse con axilidade.

  • Que o persoal funcionario de carreira que non posúa titulación de grao ou equivalente poida acreditala, incorporándose ao grupo A1 de pleno dereito nese momento e no seu mesmo posto.

  • Que non se vexan minoradas as condicións de mobilidade do profesorado técnico de FP no concurso xeral de traslados.

  • Que se articule un marco garantista para que se manteñan as condicións do persoal interino que actualmente existe.

  • Que se regule de forma clara a situación do profesorado técnico de FP que ocupa unha especialidade para a que non exista titulación de grao.

  • Que se equipare  salarialmente a todo o persoal que quede incluído no corpo para extinguir.