CCOO solicita da USC que se facilite o traballo non presencial do PAS

Urxen medidas excepcionais ante o recrudecemento da pandemia

A sección sindical de CC.OO considera que a xerencia da USC debe revisar a súa política en relación á negativa a favorecer o traballo non presencial do PAS. Debe entenderse que, ante unha situación excepcional, é necesario aplicar novamente medidas excepcionais. A situación sanitaria na que está inmersa neste momento a USC e o seu persoal así o aconsellan

CC.OO xa propuxo o pasado luns 18 de xaneiro, na reunión do Comité Intercentros, solicitar da xerencia que, “en atención á 3ª onda da COVID-19, se facilite o traballo non presencial sempre que sexa posible, e de maneira especial nos sitios onde sexa mais difícil asegurar que se manteñan as distancias entre o persoal”. Esta proposta, foi apoiada por unha ampla maioría do comité e trasladada á xerencia ese mesmo día, sen que ata o momento se acordara ningún cambio.

O venres pasado os membros de CC.OO na Xunta de PAS funcionario tamén plantexaron esta proposta, aínda que neste caso non se adoptou ningún acordo.

Vista a evolución da pandemia, co recrudecemento do nivel de contaxios que está habendo na sociedade e no propio ámbito laboral, e vistas tamén as medidas que se están adoptando nas outras universidades galegas, a sección sindical de CC.OO reitera a súa solicitude á xerencia de que se favoreza o traballo non presencial sempre que sexa posible, e de maneira especial nos sitios onde sexa mais difícil asegurar que se manteñan as distancias entre o persoal.

En CC.OO estamos convencidos de que se poden garantir os servizos, ao tempo que se debe facilitar o traballo non presencial e establecer quendas de presencialidade para evitar desprazamentos e presenzas innecesarias nas edificacións da universidade e mellorando a seguridade do persoal .

Ver a nova en pdf