Logo de se declarar deserta a nova licitación de MUFACE.
O sindicato puido confirmar coa Dirección Xeral da entidade mutualista a garantía do servizo prestado e volve insistir na necesidade de revisar tanto as prestacións ofertadas como a calidade do servizo.
Ante as noticias aparecidas na prensa sobre o concerto de MUFACE, nas que se informa de que queda deserta a licitación, CCOO púxose axiña en contacto coa Dirección Xeral da entidade mutualista para coñecer de primeira man a situación actual. A súa resposta foi de tranquilidade, pois manifestou que MUFACE seguirá garantindo a atención sanitaria a todas as persoas mutualistas, tanto titulares como beneficiarias.
Posteriormente a esta comunicación, publicaron na súa páxina web un comunicado oficial que sostén:
- As persoas titulares e beneficiarias continuarán recibindo a mesma atención médica e asistencial consonte os termos vixentes.
- Unha vez finalizado o concerto actual, garantirase a continuidade das prestacións sanitarias conforme os mecanismos previstos na Lei de contratos do sector público.
- Xa que a licitación quedou deserta, MUFACE, como órgano de contratación, iniciará os traballos para unha nova licitación.
A principios de outubro, desde CCOO instárase o Goberno a abrir un proceso de diálogo real sobre a nova licitación dos concertos sanitarios de MUFACE, MUGEJU e ISFAS, e asegurar algo tan importante como a saúde das persoas.
O sindicato vén denunciando que os servizos que ofrecen a través das compañías asistenciais coas que teñen subscrito concerto non cumpren cos parámetros de calidade establecidos, como tampouco o fan coas prestacións que están obrigadas a ofertar segundo o recollido na Carteira Nacional de Servizos e os concertos sanitarios.
Neste sentido, destacan os recortes nos cadros médicos, a escaseza de centros asistenciais, a eliminación de clínicas e especialidades médicas (como as de oncoloxía e radioterapia), o cobramento dalgunhas probas médicas ás persoas mutualistas, o atraso no aboamento da prestación por incapacidade temporal cando o persoal funcionario se encontra en situación de baixa, o gasto que se produce polo copagamento para paliar a diferenza no gasto farmacéutico ao chegar á idade de xubilación entre as persoas mutualistas e as persoas adscritas ao réxime xeral da Seguridade Social, e o recorte das axudas sociais nestes últimos anos, polo que é urxente unha revisión e actualización.
Ante esta nova situación, urxe revisar as condicións e obrigas dos concertos para asegurar e garantir a saúde das persoas mutualistas.