CCOO esixe o aumento das contratacións no sector educativo para garantir a presencialidade segura nas aulas

Cómpre prorrogar as 35 312 contratacións deste curso e aumentar o número de docentes en case 30 000 de cara ao seguinte.

A Federación de Ensino de CCOO (FECCOO) dirixiuse por escrito á ministra de Educación e Formación Profesional o pasado mes de abril para solicitar a prórroga do persoal docente contratado este curso, pois as circunstancias que forzaron a súa incorporación non desapareceron nin o farán a curto prazo.

Así mesmo, CCOO pediu nas distintas mesas de negociación que este tema se aborde coa maior celeridade posible, non só no ámbito da Conferencia Sectorial, como puidemos saber que sucederá, senón tamén no marco da negociación colectiva.

Como se recolle no informe de FECCOO, Prórroga das contratacións orixinadas pola pandemia de covid-19 e redución de ratios, as contratacións permitiron facer fronte á situación de crise, pero non garanten a presencialidade total en todas as etapas educativas.

Segundo os cálculos actualizados a partir dos datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional, faría falta prorrogar as 35 312 contratacións deste curso e aumentar o número de docentes en case 30 000 no seguinte para garantir a educación presencial en todos os niveis. Só en Castela e León e Navarra o alumnado gozou dunha presencialidade total.

A Federación de Ensino de CCOO estima que, para poder estender a situación destas dúas comunidades ao resto de territorios cunha redución das ratios nas aulas, sería necesario un investimento de 2 654 470 608,75 euros, o que supón o 0,24 % do PIB do ano 2020.

Máis alá do aumento de profesorado para cumprir as medidas sanitarias e de seguridade, o sindicato reivindica mellorar na educación a redución do número de alumnado por aula, tal e como numerosos estudos sinalan:

A ratio das aulas é un elemento importante nos resultados das e dos escolares, e pode verse afectada directamente por actuacións políticas. En igualdade de condicións, aumentar a ratio dunha aula danará os resultados do alumnado.

A evidencia suxire que elevar o número de escolares na aula prexudicará non só a puntuación nas probas dos nenos e as nenas a curto prazo, senón tamén a súa formación a longo prazo. O diñeiro aforrado hoxe ao incrementar a ratio das clases terá custos sociais e educativos maiores no futuro.

O beneficio que supón a baixada da ratio nunha clase é maior para os nenos e as nenas de baixos ingresos e minorías sociais, mentres que calquera aumento na ratio será factiblemente máis prexudicial nestas poboacións.

Ademais, é imprescindible o compromiso da prórroga da contratación do resto de persoal de servizos complementarios que se realizou este curso, así como o aumento no próximo para facer fronte a todas as tarefas esenciais dos centros educativos, cuxo correcto funcionamento depende en gran medida deste colectivo.