A decisión do Ministerio dirixido por Castells implicou o ditame favorábel da Conferencia Xeral de Política Universitaria, reunido na tarde do día 25; un ditame que ten carácter preceptivo antes de que o Parlamento Galego continúe coa tramitación da Lei que daría lugar, coa maioría absoluta do Partido Popular, á autorización definitiva desta nova universidade privada.
As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conformamos a Plataforma Galega reafirmamos a nosa crítica ao proceso iniciado polo goberno Feijóo, en contra das tres universidade públicas que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores, e que agora recibe incomprensibelmente o apoio do goberno español.
A educación, e especialmente nos estudos superiores, é un nicho de mercado, un negocio, para as empresas que nas últimas décadas se foron instalando por todo o Estado, aproveitando as limitacións e os recortes nas universidades públicas impostos por diferentes gobernos. Se até este momento as empresas interesadas nos beneficios das titulacións universitarias no noso país recorrían á vía da franquía, como é o caso de CESUGA na Coruña, o novo paso dado pola entidade que se fixo co aforro das galegas e galegos a prezo de saldo logo da manobra de liquidación das caixas de aforros é un salto cualitativo.
En Galiza non é necesaria unha universidade privada.
A ampla oferta académica do SUG, cunha importante especialización nos diferentes campus, responde perfectamente a demanda existente e onde non chega é simplemente polas limitacións fixadas pola Xunta. A día de hoxe, xa existe colaboración do tecido empresarial galego con proxectos de investigación das universidade públicas. A irrupción dunha universidade privada é un paso que pode romper moitas destas iniciativas. A proposta presentada por Abanca, centrada nunha oferta de titulacións en ámbitos como oxurídico-social ou de enxeñaría-arquitectura, teñen xa unha cumprida oferta no campus públicos do país.
Asistimos, por tanto, a un novo exemplo de medre da iniciativa privada, previa autorización do poder político, construída grazas ás limitacións da universidade pública. Mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos, a carta branca a Abanca conta desde hoxe tamén co aval do goberno español, no que para a Plataforma é un claro exemplo de contradición coa suposta defensa do ensino público que din defender. Non se pode predicar o papel central do ensino público un día e dar vía libre no seguinte a un proxecto privado innecesario, redundante e que implica un risco para as universidades públicas galegas.
Do Consello Galego de Universidade ao Ministerio de Universidades.
O visto e prace do órgano consultivo galego realizouse torcendo a vontade das tres universidades galegas polas persoas que, dun xeito vergoñento, usaron o seu cargo de presidencia dos respectivos consellos sociais das tres universidades (nomeados os tres por Feijóo e claramente relacionados co PP ou con intereses empresariais contrarios ao papel central das universidades públicas) para conseguir que o ditame do Consello Galego fose favorábel. Esa conivencia destes tres cargos coa alianza de Feijóo con Escotet, non por agardada menos preocupante, contou cun informe claramente contrario das universidades públicas, identificando as deficiencias e insuficiencias da proposta de Abanca. De aí que o papel xogado polo ministro Castells e o seu equipo sexa, se cabe, máis impresentábel, xa que se fai de costas á opinión non só de organizacións sindicais, políticas ou estudantís senón das propias universidades galegas.