A xubilación voluntaria (anticipada) está regulada no artigo 28 2.b do Real Decreto Lexislativo 670/1987, de 30 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido de Lei de Clases Pasivas do Estado. Este artigo establece o seguinte con respecto a esta xubilación: “De carácter voluntario, que se declarará a instancia de parte, sempre que o interesado teña cumpridos os sesenta anos de idade e recoñecidos trinta anos de servizos efectivos ao Estado”.
Quere dicir isto que é o funcionario ou funcionaria quen decide a data na que se xubila sempre que cumpra os requisitos para acceder a dita xubilación. Estes son dous:
• Ter cumpridos os 60 anos de idade.
• Ter recoñecidos 30 anos de servizos efectivos ao Estado.
Cando unha/un docente cumpre estes dous requisitos é o funcionario ou funcionaria quen decide a data da súa xubilación. A solicitude na que conste a data decidida debe presentarse con al menos 3 meses de antelación.
Algunha organización está a dicir que chegaron a un principio de acordo coa administración polo que se permitirá que os docentes poden xubilarse o mesmo día que cumpren os 60 anos de idade (independentemente do día que sexa do mes). Pero se decide non xubilarse ese día terá que facelo no último día do mes que elixa. Gustaríanos saber en que se basean para tratar de forma diferente a quen se xubila o día que cumpre os 60 anos do que espera a xubilarse o día que cumpre os 30, 31, 32, 33, 34 ou 35 de servizo porque este non coincide co aniversario, ou que decide xubilarse por outras cuestións persoais.
É inadmisible que ningunha organización pretenda vender acordos que limitan os dereitos recollidos na normativa. CCOO esixe á administración que acepte a data elixida polos solicitantes. En todo caso, ninguén debera aceptar as presións da administración para xubiliranse nunha data concreta e poñémonos á vosa disposición para reclamar se non aceptan a data que decidides.