CCOO-Ensino denuncia que a Consellería de Educación atrasa “SINE DÍE” a valoración das traballadoras e traballadores especialmente sensibles á COVID19

Centos de solicitudes de traballadores/as da Consellería de Educación para ser cualificados como persoal especialmente vulnerable á covid acumúlanse nas catro provincias, sen que se inicie a súa tramitación por parte dunha Consellería absolutamente “desbordada” pola inexistencia de servizos de prevención de riscos laborais en cada unha das xefaturas territoriais provinciais.

Desta forma, a Consellería de Educación volve a demostrar a súa incompetencia na preparación do incio do curso escolar, facendo caso omiso do Procedemento do Ministerio de Traballo para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición do SARS-Covd-2, así como das Medidas do Ministerio de Educación para a Prevención, Hixiene e Promoción da Saúde fronte á Covid 19 para centros educativos no curso 2020/21, que recollen como persoal especialmente sensible a aqueles que padezan enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, diabetes, insuficiencia renal crónica, inmunodepresión, cancro en fase de tratamento activo, enfermidade hepática crónica grave, obesidade mórbida (IMC>40), así como as situacións de  embarazo e traballadores/as maiores de 60 anos. A situación e evolución destes traballadores e traballadoras debe ser avaliada, así será preceptivo emitir un informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección necesarias.

A  Federación de Ensino de CCOO denuncia como raíz deste problema, como xa fixera no mes de maio, a escasa dotación dos servizos de prevención de riscos laborais da Consellería de Educación, reducidos á súa mínima expresión, así como a nula importancia outorgada por parte da Consellería de Educación á saúde laboral dos seus traballadores/as. 

A Federación de Ensino de CCOO esixe, polo tanto, dotación inmediata duns Servizos de Prevención de Riscos Laborais acorde coa gravidade da situación actual de pandemia por COVID-19, para poder realizar a avaliación de todas as solicitudes de vulnerabilidade presentadas por traballadores/as da Consellería ante o inicio do curso escolar.

Federación de Ensino de CCOO volve a esixir á Administración, como xa fixo en todas as mesas de negociación, a avaliación de riscos laborais inherentes a cada posto de traballo, tal e como establece o artigo 16 da Lei 31/1995 para a prevención de riscos laborais.

Federación de Ensino de CCOO interpoñerá denuncia ante as autoridades laborais e xudiciais pertinentes para asegurar tales demandas, para asegurar o cumplimento da lexislación en materia de riscos laborais e para velar pola seguridade de todos os traballadores e traballadoras.