CCOO Ensino denuncia despedimentos en “Down Vigo”

Nas últimas semanas, as persoas traballadoras de Down Vigo veñen alertando da grave crise de xestión e do progresivo deterioro das condicións laborais que se están a producir na entidade, unha situación que repercute moi negativamente na prestación do servizo ás persoas usuarias.

Down Vigo leva xa tempo marcada por unha profunda crise económica que acabou provocando o despedimento de varios profesionais e que, ao seu xuízo, ten a súa orixe en cuestionables decisións na xestión financeira e nas diferentes posturas adoptadas pola dirección e pola xunta directiva.

Segundo denuncian, a entidade atravesa graves dificultades económicas que son utilizadas para xustificar despedimentos arbitrarios de persoal, nomeadamente de traballadoras e traballadores con moita experiencia. Entre as medidas incluídas no denominado plan de viabilidade presentado figuraba a supresión de cinco postos de traballo. As persoas traballadoras consideran especialmente significativo que esta medida coincida co custo mensual aproximado do novo local ao que se trasladou a asociación, un espazo situado no Casco Vello de Vigo cuxo alugueiro suporía arredor de 5.500 euros mensuais.

Segundo trasladan, dito traslado non respondería a unha necesidade operativa real, senón principalmente a criterios de imaxe e visibilidade, unha decisión que consideran incompatible coa delicada situación financeira actual da entidade.

Así mesmo, as persoas traballadoras expresan o seu malestar polo que consideran un clima laboral de presión constante e falta de confianza dentro da asociación, así como polo deterioro progresivo das condicións de traballo. Igualmente, denuncian esixencias organizativas que consideran incompatibles cunha axeitada protección da saúde laboral, posto que se esixe a realización consecutiva de varios acampamentos sen períodos suficientes de descanso entre eles.

As persoas traballadoras queren deixar claro que son plenamente conscientes das dificultades económicas que atravesa a entidade e recoñecen a gravidade da situación. Porén, consideran que a resposta ofrecida pola actual dirección e pola xunta directiva foi inxusta, ao trasladar o peso da crise ás persoas traballadoras no canto de asumir responsabilidades polas decisións de xestión adoptadas nos últimos anos.

Por todo isto, desde CCOO Ensino solicitamos unha maior transparencia sobre a situación económica da asociación, unha revisión das decisións que conduciron á actual crise e a apertura dun diálogo real co cadro de persoal para garantir a viabilidade futura da entidade sen seguir deteriorando as condicións laborais nin a calidade dos servizos prestados ás persoas con síndrome de Down e ás súas familias.