CCOO ENSINO asina coa Consellaría un novo texto do Acordo de Interinos reforzando e afianzando a estabilidade nas listas de contratación

Coa sinatura desta addenda reforzamos e afianzamos a estabilidade nas listas do persoal interino e substituto que é un dos máis precarios e vulnerables en educación.

CCOO leva asinado todas as addendas que melloraban os dereitos laborais deste colectivo dende o ano 1995. Esta concretamente decidimos asinala despois de consultar e ter o aval da maioría do colectivo. Con esta addenda faise un novo texto refundido do acordo mantendo unha estabilidade como non existe no resto do territorio español.

Ao mesmo tempo introducimos o dereito a unha reserva de postos para o persoal cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% que non é só unha obriga legal senón tamén de xustiza tal e como leva demandando CCOO dende hai tempo.

Da mesma forma axústanse algúns aspectos que non estaban a funcionar da forma prevista cando se redactaron. Agora melloramos as causas de renuncia por ampliación de estudos para permanecer nas listaxes ou o procedemento para facer os chamamentos de forma garantista.

Dende CCOO queremos denunciar unha vez máis o incumprimento dun artigo do acordo pola Xunta de Galicia, concretamente o cobro do verán para o profesorado substituto que traballara máis de cinco meses e medio. Primeiro adiouse por dous anos en aplicación da Lei 2/2012, pero xa imos por cinco anos. Coa sinatura do texto refundido do acordo reforzamos a demanda da recuperación deste dereito e emprazamos á Consellería de Educación, tamén asinante do acordo, a que faga o mesmo diante do seu goberno.

Queremos recordar a aqueles que non ven suficiente o que neste texto se acorda que a alternativa é a rebaremación e recolocación nas listas en función da nota da oposición cada vez que haxa un proceso selectivo. Ou o que sería igual de malo, en función dos criterios que libremente decidira a administración educativa.

CCOO responsablemente asina este acordo co aval do colectivo consultado. Nunca imos deixar o seu futuro nas mans da administración sen ningún tipo de control.