CCOO denuncia a neglixencia da Consellería por non adoptar as medidas necesarias para iniciar o próximo curso

A Federación de Ensino de CCOO acusa aConsellería de Educación de estar centrada, ao igual ca o resto do Goberno da Xunta, única e exclusivamente nas eleccións do vindeiro 12 de xullo.

Para a nosa organización é unha absoluta irresponsabilidade non ter organizado un grupo de traballo co fin de prever os diferentes escenarios posibles no próximo curso académico así como un plan estratéxico para afrontar esta crise.

CCOO Ensino foi a organización sindical que desde o primeiro momento tendeu a man á Consellería para crear unha comisión de traballo conxunta na que establecer todos os protocolos necesarios co fin de asegurar unha volta ás aulas con todas as garantías, así como unha previsión minuciosa no caso de rebrotes e de volver a unha docencia telemática.

En todo momento, a Consellería deu a palabra do mudo, o que para CCOO non significa máis que unha enorme neglixencia e que amosa que esta Administración non aprendeu nada do acontecido.

Porén, instamos a Administración a que deixe a un lado as necesidades do seu partido político, que atenda as necesidades da comunidade educativa e sente a negociar todas estas cuestións que desde o noso sindicato vimos expoñendo.