Descoñecemos cando será posible o retorno a unha actividade lectiva en condicións de absoluta normalidade, tal como a coñeciamos antes desta crise sanitaria. A actual pandemia impón o que moitos denominan «nova realidade», que nos obriga a desenvolver actuacións urxentes para garantir o dereito á educación no vindeiro curso escolar 2020/21 de acordo ás esixencias que determinen as autoridades sanitarias.
A comunidade educativa precisa rematar este curso coñecendo como será o regreso ás aulas en setembro e evitar a improvisación imposta pola irrupción da pandemia.
Para CCOO-Ensino, é imprescindible que a Consellería de Educación promova o diálogo coa comunidade educativa en xeral e coa representación dos traballadores e traballadoras do ensino en particular, xa que unha nova organización levará consigo a modificación das condicións laborais. Non pretendemos nin máis nin menos que o que a Administración educativa galega demandou do Ministerio de Educación. Neste sentido, demandamos a constitución de comisións de traballo nas que debemos ter presenza as organizacións sindicais como representantes lexítimas do profesorado e das traballadoras e traballadores non docentes. Aseguramos á conselleira a nosa colaboración e instamos a que exerzan as competencias que teñen legalmente recoñecidas.
O Ministerio de Educación cedeu ás principais reclamacións dos executivos autonómicos e, no documento de acordos da Conferencia Sectorial, limítase a recomendar medidas sobre a organización da actividade presencial no vindeiro curso. É tal a flexibilidade, que cada comunidade autónoma decidirá sobre cuestións tan importantes como as ratios, a distancia social…, de forma que as condicións da actividade lectiva poden ser as mesmas ca antes da pandemia. CCOO-Ensino considera unha irresponsabilidade que no ámbito educativo puideren non cumprirse as recomendacións do Ministerio de Sanidade.
Vai chegando información da pretensión da Consellería de iniciar o curso sen contratar máis profesorado, sen reducir ratios, sen negociar ningún protocolo coas organizacións sindicais… Pretender iniciar a actividade educativa a «custo cero» provocará unha saída desta crise con maior desigualdade e cun alto risco sanitario innecesario para toda a comunidade educativa.
CCOO-Ensino pretende colaborar na saída desta crise e, nese senso, imos presentar unha serie de propostas.
Entendemos, en primeiro lugar, que se deben considerar polo menos tres escenarios que non son excluíntes entre si:
-
Modalidade presencial nun escenario de normalidade:
Escenario moi pouco probable que poida xeneralizarse en todos os centros da xeografía galega de forma simultánea e durante todo o curso. En todo caso, a actividade presencial ha ter en conta as recomendacións sanitarias, o que obrigaría a organizarse nunha «nova normalidade».
-
Modalidade semipresencial:
Neste escenario poderían convivir as situacións de presenza nos centros educativos que, pola súa baixa ratio, poidan organizarse coas medidas ditadas polas autoridades sanitarias nas situacións en que sexa necesaria unha redución das ratios e, polo tanto, combinar a presenza simultánea ou por quendas co teletraballo.
-
Modalidade a distancia nunha nova situación de alerta sanitaria.
Sexa como for, o primeiro paso que hai que dar, e CCOO-Ensino xa demandou que se dea, é a avaliación de riscos dos centros e dos postos de traballo por parte de persoal técnico dos Servizos de Prevención da Consellería de Educación ou, no caso dos centros concertados, por empresas de prevención de riscos. A partir desta avaliación deben elaborarse os protocolos concretos de seguridade e saúde no traballo. En definitiva, que se cumpra o que establece a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais.
Como elementos de debate, CCOO-Ensino propón levar a cabo as seguintes medidas:
1.- Desinfección integral dos centros educativos previamente ao desenvolvemento de calquera actividade neles ou noutros espazos habilitados.
2.- Flexibilización dos currículos. Tendo en conta que hai unha parte do currículo deste curso que se deberá recuperar no vindeiro, é imprescindible abordar a concreción dos novos currículos definindo os aspectos fundamentais. Lamentablemente, o Ministerio e as Administracións educativas parecen renunciar a flexibilizalos establecendo os saberes e competencias fundamentais de cada etapa e curso. Volven eludir a súa responsabilidade, pretendendo traspasarlle ao profesorado a obriga de realizar as adaptacións das programacións didácticas sen unha modificación previa dos currículos.
3.- Incremento das horas de coordinación docente. CCOO-Ensino considera imprescindible unha maior coordinación entre o profesorado para levar a cabo a flexibilización curricular, os cambios metodolóxicos, etc., así como afrontar con solvencia e garantías os distintos contextos en que haxa que desenvolver a actividade lectiva o vindeiro curso. Isto debe conducir a unha redución do horario lectivo.
4.- Definición e adaptación das instalacións escolares para garantir o distanciamento físico. A prioridade será aumentar as posibilidades da educación presencial, pero sempre en condicións de calidade e respectando espazos como os pavillóns para a actividade de educación física ou as aulas de educación musical, obradoiros… para as actividades específicas, entre outras.
5.- Redución das ratios a un máximo de 15 escolares por aula, como norma xeral. Definir as ratios do profesorado de PT e AL que atende alumnado que presenta dificultades no mantemento da distancia física. Naquelas aulas en que as ratios superen por pouco o 1/15, estudaríase se o espazo permite garantir a saúde sen reducirse.
6.- Incremento de persoal docente necesario para garantir os desdobramentos, apoios, coordinacións…
7.- Incremento de recursos humanos para manter en condicións hixiénico-sanitarias óptimas, os espazos e materiais que se vaian utilizar.
8.- Dotación de persoal de enfermería para coordinar a comisión COVID que será necesario establecer en cada centro.
9.- Definición dos protocolos de acceso aos centros, que teñen que ser diferenciados en función da realidade física e arquitectónica de cada un deles.
10.- Establecemento de protocolos para os comedores e o transporte escolar. Para exercer o dereito á educación, cómpre garantir os servizos complementarios de comedor e transporte.
11.- Establecemento de protocolos de seguridade e hixiene para todas as traballadoras e traballadores e alumnado do centro. As propostas ministeriais de desinfección e hixienización de materiais así como a limpeza e desinfección do centros son totalmente insuficientes e imprudentes. A limpeza unha vez ao día víñase facendo de forma ordinaria; a situación sanitaria sobrevida pola pandemia require extremar as medidas de hixiene incrementando a súa frecuencia e utilizando produtos específicos.
12.- Dotación centralizada de epi e materiais de hixiene. É fundamental garantir a suficiente dispoñibilidade, e isto só pode lograrse adquiríndoos de forma centralizada as Administracións educativas ou as empresas propietarias dos centros.
13.- Formación específica en materia hixiénico-sanitaria. Se o profesorado ten que abordar e instruír o alumnado en medidas sanitarias e hixiénicas necesarias para a seguridade de toda a comunidade educativa (limitación de alumnado nas aulas respectando as distancias de seguridade aconselladas polas autoridades sanitarias; uso de elementos de protección individual —xel, mascaras etc—; limpeza continuada dos espazos comúns durante a xornada lectiva…) faise imprescindible unha formación específica.
14.- Extensión da conectividade a todo o territorio galego. A Administración debe garantir a universalización da conectividade en condicións de calidade. Hai que traballar na perspectiva da wifi gratuíta para todos os usuarios e usuarias.
15.- Dotación e universalización dos dispositivos tecnolóxicos (hardware) necesarios para o desenvolvemento da actividade (tabletas, ordenadores…). Corresponde á Administración educativa ou empresa asegurar mediante préstamo que todo o alumnado e todos os seus traballadores teñan acceso aos medios necesarios para desenvolver a teleformación.
16.- Implementación de plataformas e aplicacións seguras e de calidade.
17.- Dotación de software con fins educativos. A Administración debe garantir o acceso a contidos dixitais variados e de calidade para todas as etapas educativas.
18.- Plan de formación específica do profesorado e familias no uso das ferramentas dixitais. Ademais, formación específica para a persoa responsable tic do centro, incorporando unha nova función que sería a xestión e actualización dos equipos informáticos con redución da carga lectiva e complemento retributivo. Deben planificarse especificamente para o profesorado accións formativas en metodoloxías de teleformación.
19.- Regulación da xornada de teletraballo, tanto para o profesorado como para o alumnado. Podemos constatar que a actual situación incrementou e desregularizou a xornada de traballo, ao se establecer conexión a calquera hora do día e calquera día da semana e durante máis horas das que están reguladas como lectivas en situación presencial. É imprescindible regular a xornada de traballo e a desconexión, de darse de novo esta situación. Haberá que acometer a redución do horario lectivo e a diferenciación entre presencial e teletraballo.
20.- Exención transitoria de traballo presencial a aquelas persoas que pertencen a grupos sensibles. Organización da atención telemática para estes colectivos.
21.- Exención transitoria de traballo presencial por motivos de conciliación familiar. Nun escenario en que os centros educativos non reciban o alumnado de forma presencial en horario ordinario ou se dea unha situación similar nos centros de maiores, hai que considerar a posibilidade do teletraballo para aquelas traballadoras e traballadores que teñan menores de 14 anos ou maiores a cargo. Da mesma forma, hai que considerar como conciliación as situacións en que os menores ou maiores deban permanecer no seu domicilio por se tratar de persoas especialmente vulnerables.
22.- Posibilitar a redución de xornada e a excedencia voluntaria por razóns de conciliación en situación de pandemia, garantindo a incorporación ao mesmo posto e nas mesmas condicións sen menoscabo de ningún dereito.
23.- Establecer axudas públicas a familias para a contratación de coidadoras ou coidadores de menores ou maiores dependentes a cargo.
24.- Incorporar bolsas especiais relacionadas coa perda de ingresos daquelas familias que mudaron as súas condicións económicas como consecuencia da crise sanitaria.
25.- Plan que garanta a atención educativa universal. Memoria económica que recolla todas as medidas que permitan a atención educativa en calquera dos escenarios posibles. É imprescindible avanzar e recuperar os niveis de investimento en educación anteriores á crise. O incremento de recursos materiais e humanos permitirá reducir as ratios e as actuacións de atención educativa a todo o alumnado sen excepción, garantindo a igualdade de oportunidades e a inclusión do alumnado con menos recursos en risco de exclusión social.
DEMANDAMOS Á CONSELLERÍA QUE CONVOQUE AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DE XEITO INMEDIATO PARA TRATAR TODAS ESTAS CUESTIÓNS CON CARÁCTER URXENTE E PODER TRASLADARLLE Á COMUNIDADE EDUCATIVA A ORGANIZACIÓN DO VINDEIRO CURSO.