CCOO asina o preacordo do VII Convenio Colectivo

Logo das consultas realizadas á afiliación, que por ampla maioría deu o seu visto e prace ao texto proposto, CCOO asinou o preacordo que abrangue os elementos máis destacables do que será o VII Convenio Colectivo.

Iníciase agora un período para trasladar os puntos recollidos nese preacordo ao articulado do novo convenio colectivo. A diferenza do que se asinou no anterior, que incluía aspectos lesivos para os intereses dos traballadores e as traballadoras do sector e recortaba avances que custara moito conseguir, nesta ocasión introdúcense algunhas das propostas que CCOO xa expoñía na súa plataforma reivindicativa e que permiten establecer un marco laboral máis acorde cos tempos que corren.

Melloras que, malia non recoller (de momento) algunhas das nosas principais reivindicacións, si que impregnan o novo texto dun carácter moito máis social. Cabe destacar:

  • Recuperación da ultraactividade
  • Mellora notable dos permisos retribuídos
  • Avances no apartado de excedencias
  • Redución da xornada laboral do PAS
  • Posibilidade de negociar sexenios no nivel autonómico así como de reducir a xornada para o persoal docente maior de 58 anos
  • Introdúcese o acordo de rexistro de xornada que xa asinou CCOO no seu momento
  • Incrementos salariais para 2020 e 2021

Así mesmo, crearanse comisións de traballo nas que se abordaran cuestións tan importantes como a xornada do persoal docente, a desconexión dixital ou o traballo a distancia, entre outras, e nas que CCOO seguirá defendendo as súas propostas coa intención de incorporar ao novo convenio as reivindicacións históricas do sector.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS