A USC OBRIGADA A PAGAR A INDEMNIZACIÓN POR EXTINCIÓN DOS CONTRATOS PREDOUTORAIS AO SEU REMATE

CCOO vén de recibir a sentenza favorable á demanda de conflito colectivo que presentara perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e no que se lle reclamaba á Universidade de Santiago de Compostela o abono da indemnización correspondente ao finalizar os contratos predoutorais.

En abril de 2017, logo de ter coñecemento de que varias persoas investigadoras non percibiran indemnización ao finalizar os seus contratos, CCOO iniciou inmediatamente unha investigación coa información facilitada por estas, confirmándose que as persoas contratadas ao abeiro da convocatoria de axudas de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia no ano 2013 non percibiran a indemnización que outras persoas de convocatorias anteriores si tiñan percibido.

Unha vez confirmado, e entendendo que a indemnización lles correspondía por dereito, CCOO solicitou á Xerencia da USC que procedese ao abono das cantidades debidas. Petición que obtivo unha rotunda negativa por parte desta.

Ante a inflexibilidade amosada pola Xerencia, CCOO non tivo máis remedio que presentar unha demanda de conflito colectivo para solicitar que se recoñecese o dereito do persoal con contrato predoutoral a percibir a mencionada indemnización. Demanda que agora vén de ser estimada en sentenza que condena á USC ao abono da mesma.

Así, no fallo do TSXG declárase que “os traballadores incluídos no presente conflito que subscribiron os denominados contratos predoutorais teñen dereito a percibir no momento da súa finalización a indemnización fixada no artigo 49,1,c) do Estatuto dos Traballadores na contía que corresponda, condenando á UNIVERSIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA ao seu abono no momento de cada cese”. Sendo a indemnización que corresponde neste caso a mesma que para os contratos temporais por obra ou servizo determinado, fixada actualmente en 12 días por ano traballado.

Este é un exemplo máis que vén a demostrar que CCOO sempre estivo, está e estará ao servizo das persoas traballadoras da USC, independentemente do equipo de goberno e de quen ocupe a xerencia da USC. En 2017 depois de non chegar a acordo coa anterior Xerencia fomos ao xulgado e agora, que o  Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de darnos a razón, solicitamos da actual xerencia e do actual equipo de goberno que desistan de recurrir ante o Tribunal Supremo

 

Pola nosa parte continuaremos ao servizo das persoas traballadoras da USC para escoitalas, axudalas e traballar por elas até esgotar tódalas vías de actuación posibles para darlles solución aos problemas planteados.